O sector pesqueiro amarra a toda a frota a partir deste venres 16 de xaneiro

Embarcación de pesca de baixura na zona dos Miñarzos

A frota pesqueira galega está a vivir un período de extrema tensión. As cofrarías decidiron onte interromper todas as operacións amarrando os barcos a partir do venres 16. Tan só as lonxas que operan con capital privado non están suxeitas a esa decisión. O luns 19 hai unha reunión en Madrid convocada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación onde o sector espera atopar solucións.

Galiza e o mar son entes inseparables, non se poden artellar un sen o outro. 

Antes de nada fagamos unha retrospectiva saudable.

Como é ben sabido, a abundancia do noso mar sostivo a poboación galega ao longo da súa historia. Aínda hoxe, grazas ao poder de rexeneración das nosas rías e aos milleiros de kilómetros de costa que temos, a pesca de baixura é un alicerce fundamental da economía galega. O noso PIB come peixe e marisco, e iso sábeno ben en Europa.

Pero que carallo é o PIB? Pois, falando en termos que entende calquera, nin máis nin menos que o que valemos e producimos. E a nosa frota artesanal, para producir, ten que ter barcos pescando e patróns e mariñeiros que os tripulen. Cousa cada vez máis dificil se atendemos ás directrices que nos marca a UE.

Europa considera, seica, que a pesca artesanal é vital para acadar os obxectivos da Axenda 2030, o que eles enuncian como Desenvolvemento Sostible. Mais, ben visto e ben mirado, non sei de que desenvolvento ni de que sustentabilidade están a falar sen queren deixar ao sector primario en pelota picada: léase no agrogandeiro, acordo con Mercosur, e no pesqueiro, Diario de Pesca Electrónico: ¡dous despropósitos a deshora, tal como están formulados!. 

Se a UE sabe que o 70% da pesca que consumimos as galegas e galegos vén de fóra, ou sexa, só un 30% son capturas da nosa frota, e saben tamén que deste xeito están desmantelando a nosa economía, a quen raio están intentando favorecer?  

Señoras e señores tecnócratas de Bruxelas, un pouquiño de por favor!

A normativa UE de Control da Pesca é unha aberración técnica

Digo todo isto para ir poñéndonos en contexto e para ponderar, se fose posible, o que lle vai aportar ás familias que viven da pesca de baixura na Galiza a implementación do Diario de Pesca Electrónico. Un regulamento que actualmente afecta aos buques de 12 metros de eslora ou máis, pero que incluirá progresivamente todos os demais ata 2030.

Ben está que empreguen a IA para combatir a pesca ilegal, e que se utilice a dixitalización para facilitar uns trámites burocráticos, que de facelo ben, con criterios socioeconómicos e ecosociais que poñan en valor a idiosincrasia do noso (léase: kilómetros de costa, frota, xente e peixe para seguir mantendo un tecido productivo tan vinculado aos nosos recursos e a nosa tradición), debería ter unha incidencia positiva no futuro da actividade pesqueira da nosa frota de baixura.

A faísca que acendeu o conflito foi a entrada en vigor de obrigas previstas no Regulamento de Control da Pesca da UE. Estas obrigas, que comezaron o 10 de xaneiro, afectan directamente a unha parte da frota pesqueira de baixura: os buques de entre 12 e 15 metros de eslora deben declarar as capturas electronicamente, e tanto estes barcos como os buques de maior tamaño deben rexistrar todo o peixe, independentemente do seu peso, lance a lance. 

Polo amor de Deus, lance a lance e cada un dos peixiños!. 

Isto é unha estratexia de control ou unha soga administrativa ao pescozo da nosa frota artesanal! 

Ademais, están obrigados a declarar as súas capturas a bordo 4 horas antes de entrar a porto, (dúas horas e media din desde o Ministerio). 

Pero como dúas horas e media? Calquera que non saiba nada de mar ve que isto é inviable, por non poñer unha palabriña máis grosa. Home, a ver, que os barcos que pescan a pouco máis dunha hora do porto teñan que rexistrar as súas capturas coa precisión requirida dúas horas e media antes de entrar no porto. ¡Home, por favor, isto veo un cego!

O que si está ben redactado, e tamén é unha obriga, é o de rexistrar calquera arte de pesca perdida no mar, que hai que ser ecolóxicos e limpiños: unha cousa non quita a outra.

 

Unha "arte" de pesca en dixital: a DEA.

Pero sabemos o que é a DEA? Vou intentar explicalo para profanas e profanos na materia.

A DEA implica dúas ferramentas complementarias: o Diario de Pesca Electrónico, un sistema que permite o rexistro e a transmisión electrónicos de datos relacionados coa actividade pesqueira; e o Centro de Comunicacións, encargado de recibir, validar e xestionar esta información. Ademais, a aplicación DEA ten un sistema de xeolocalización integrado que permite a monitorización en tempo real das actividades pesqueiras e o establecemento doutros niveis de información, como datos históricos de mareas, etc.O traballo destas dúas ferramentas de apoio á monitorización e á inspección proporciona unha mellor xestión das comunicacións e alertas para os inspectores de pesca. 

Acabáramos! Queren controlar ata o último camarón que veña no lance dunha casea de nasas, pero impórtalle tres as condicións nas que se pretenden implementar estas medidas, se é unha medida desproporcionada ou que nivel de compatibilidade pode ter co traballo de patrón de pesca, se vai supoñer, de seguro, que a nosa frota de baixura non teña futuro porque non vai haber quen vaia ao mar, etc. Estes argumentos tan válidos non son son os que sustentan os seus criterios de control. 

Así NON! 

Así esta normativa é INVIABLE!

P.S. E a todo isto, a Xunta que di, ou só falan do que lle está a pasar ao infame do Julio Iglesias?