luns. 12.01.2026
El tiempo

O mar costeiro tamén clama pola entrada en vigor do novo regulamento de control: "Imos a pique e seguen tocando os violíns"

foto-barco-Marinheiro
Un barco de baixura en plena faena
O mar costeiro tamén clama pola entrada en vigor do novo regulamento de control: "Imos a pique e seguen tocando os violíns"

Este sábado 10 de xaneiro entraron en vigor as novas obrigas do Regulamento (UE) 2023 / 2842. Un regulamento que contempla importantes modificacións do sistema de control da pesca, como preavisar á lonxa da hora de chegada cunha antelación de 4 horas (para buques superiores de 12 metros de eslora por agora) ou de ter que declarar no diario electrónico todas as capturas antes da chegada a porto, así como as perdas de aparellos.

Son dúas das cousas que se irán implantando nos vindeiros meses (como a restrición da potencia das embarcacións), e que están poñendo de novo no foco ao sector pesqueiro. Un sector hipercontrolado, no que se ben si que hai quen fai trampas, a meirande parte son exemplo de boas prácticas.

O sector lembra a cantidade de inspeccións que teñen no porto e mesm no mar; sinala que xa teñen que declarar todas as capturas ao chegar a porto, ademais doutras medidas de revisión. Por iso, consideran “absurdo ter que declarar a hora de chegada a porto horas antes ou as capturas, porque o mar non é unha oficina”. Lembran que nin eles mesmos saben a que hora poderán volver a terra, por posibles avarías, condicións do mar, ou mesmo por non ter chegado ás capturas necesarias para facer o día.
Por iso, ter que pesar o peixe a bordo, cun espazo sempre moi escaso e cunhas pesas que é imposible que acerten en pleno mar, é ilóxico se hai que pesalo ao chegar a porto e na lonxa. Ademais, explican casuísticas moi básicas evidentes, como que se o patrón está no puente, e o mariñeiro escolle un par de pezas en mal estado, se xa as pesaches a bordo coas presas, xa vas ter problema a chegar a porto. 

Falta de compromiso das administracións

O sector vai continuar protestando por estas medidas e polas vindeiras que se seguirán poñendo en marcha nos vindeiros meses. Pero ao mesmo tempo critican a pasividade das Federacións e dos gobernos autonómicos e estatais. Lembran que xa houbo concentracións no 2021, pero xa non só non fixeron caso das esixencias do sector, senón que as medidas son aínda máis restritivas das previstas.

"Sentímonos enganados pola Federación de Confrarías como polo propio goberno", declara o patrón maior de Corme, Roberto Vidal. "Isto parece o Titanic: os secores primarios imos a pique, e seguen tocando o violíns para ternos entretidos. Non ten sentido". 

Lamentan ter sido convocados a unha reunión o pasado xoves os representantes das Confrarías de todo o estado, simplemente para anunciarlles a posta en vigor da nova normativa a partir do sábado. Unha reunión na que todos os representantes das 86 confrarías presentes que falaron deixaron claro que son normas que "non se van poder cumplir", chamando ademais a realizar paros. 

Hoxe luns, hai convocada unha nova reunión a nivel estatal.

Comentarios