Nova municipios costeiros na Rede de Concellos Contra o Cancro creada entre a AECC e a Deputación
A Laracha, Cabana, Carballo, Cee, Coristanco, Fisterra, Muxía, Ponteceso e Vimianzo. Todos contan cunha Xuntas Local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e todos forman parte da nova Rede de Concellos Contra o Cancro (RCCC), unha iniciativa creada coa Deputación da Coruña orientada a reforzar a acción fronte á enfermidade desde o ámbito local, con especial atención ás contornas rurais e semiurbanas.
O acto de presentación do proxecto, celebrado no Espazo Avenida Abanca, contou coa participación do presidente da Xunta Provincial da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña, Javier Álvarez Barbeito, e do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, xunto a 33 alcaldes e alcaldesas e representantes de distintos concellos da provincia – A Coruña, A Laracha, Abegondo, Ames, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Boiro, Cabana de Bergantiños, Carballo, Carral, Cedeira, Cee, Coristanco, Culleredo, Curtis, Ferrol, Fisterra, Irixoa, Mañón, Mugardos, Muxía, Oleiros, Paderne, Ponteceso, Pontedeume, Rianxo, Ribeira, Val do Dubra, Valdoviño, Vilasantar e Vimianzo.-, ademais doutros representantes institucionais e persoas voluntarias das diferentes Xuntas Locais da Asociación en toda a provincia.
Na cita puxeron en valor os 30 anos de travesía de Xuntas locais como as de Aranga, Cabana de Bergantiños e Coristanco.
A Rede de Concellos Contra o Cancro nace co obxectivo de crear unha estrutura de coordinación entre os concellos e a Asociación, co apoio da Deputación da Coruña, para facilitar o desenvolvemento de accións de prevención e o reforzo do apoio a pacientes e ás súas familias. Ademais, contempla tamén a promoción de hábitos de vida saudables e a participación da cidadanía e do voluntariado en iniciativas comunitarias de saúde.
O proxecto ofrece aos concellos un marco de traballo que permite ordenar, impulsar e ampliar as iniciativas que xa se están a desenvolver ou que se poidan impulsar en distintos municipios, adaptándoas á realidade de cada territorio e mellorando o acceso aos programas da Asociación.
Na actualidade, o cancro continúa sendo un dos principais problemas sociosanitarios na provincia da Coruña. Só en 2024 diagnosticáronse 7.959 novos casos, e a prevalencia a tres anos supera as 16.000 persoas, cun impacto significativo tamén na súa contorna familiar e social.