O PSOE lamenta que os Orzamentos "inclúen os compromisos de sempre coa Costa da Morte e Bergantiños que logo non se executan", e calificounos de "raquíticos e deceptionantes" para estas comarcas.
A parlamentaria sinala que estas promesas "son incumpridas ano tras ano desde que o PP chegou ao goberno", a pesar de que inclúen "partidas tan relevantes" como a variante de Carballo ao polígono industrial de Bértoa. Esta é "unha reivindicación que teñen que saber os galegos e galegas que se fixo co goberno de Touriño", lembra.
Iglesias destaca tamén "o tramo de 5,5 quilómetros de autovía da Costa da Morte, que tamén anunciou que o señor Feijóo no 2014" e que "ao final vai ser unha ampliación de autovía da Costa da Morte que non vai a ser autovía porque non vai haber nin sequera dobre vía", senón que vai ser un corredor dun único carril por sentido.
"Amósase así unha incoherencia e unha hipocresía do goberno galego, que debuxa no papel infraestruturas básicas tanto na Costa da Morte como na comarca de Bergantiños que se reiteran ano tras ano, pero logo non se executan", critica a deputada.
A socialista advertiu tamén de que a Xunta vai pagar 1.858 millóns de euros pola súa débeda, o seu máximo histórico, cando “podería aforrar un terzo dese importe, 620 millóns, se Rueda aceptase a condonación proposta polo Goberno de España, pero négase por motivos electoralistas”, lamentou.
Puxo o foco en que os Orzamentos se incrementan só un 2,1 %, mentres o IPC vai pechar nun 2,8 ou 2,9 %: “os orzamentos non medran, decrecen”.