O uso e o acceso á tecnoloxía segue a ser un reto para as persoas con discapacidade

Profesionais de ASPABER mantiveron estes días un encontro con persoal do centro de educación especial St. Ita's de Irlanda

Despois de dous días de xuntanza, profesionais de ASPABER - Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños - e do centro de educación especial St. Ita’s - Drogheda (Irlanda) compartiron os retos actuais cos que se atopan aas persoas con necesidades educativas especiais no acceso e uso das novas tecnoloxías. 

Ademais, durante o encontro que tivo lugar nas instalacións de Aspaber en Carballo, os profesionais de ambos centros estableceron liñas comúns de actuación e colaboración entre ambas entidades onde ASPABER xa ten unha experiencia e percorrido feito a través doutras colaboracións. A máis recente, é a establecida coa Universidade de Santiago de Compostela para a creación de 1 APS (aprendizaxe-servizo) co grao de pedagoxía e outra dentro do grao de maxisterio para a creación de material interactivo e adaptado ás persoas con discapacidade intelectual en canto á prevención e uso de ferramentas tecnolóxicas.

Unha das propostas que xurdiron no encontro destes días, foi a invitación de ASPABER a desenvolver un traballo semellante entre o Centro de Educación Especial St. Ita’s e as Universidades Irlandesas co que poder crear un banco común de recursos didácticos adaptados ós novos retos tecnolóxicos e formativos actuais.