Tempo de ir ás crebas

O noso amigo Xan das Crebas debe estar que non dá feito. I é que as praias da bisbarra están cheas de lixo. Neste comezo de primavera, cando xa comezan os primeiros raios de sol e a veciñanza da Costa estrea as praias, é cando peor as atopamos.

Nós comprobámolo en lugares como Lires ou Mar do Rostro, pero de seguro que a meirande parte das praias da bisbarra están na mesma situación: agardando a chegada das brigadas de Costas como auga de maio.

Os plásticos son os máis típicos, pero os aparellos de pesca, como redes, nadas, cordas... tamén queren o seu protagonismo. Que dicir da madeira, que tamén enche de suciedade as praias.

Ademais, o peor é que tamén atopamos lixo en lugares de interior como as Caldeiras do Castro. Pero aquí o lixo ten outra orixe. É a mocidade que se achega a fumar e tomar unhas cervexas a que deixa todos os refugallos directamente á beira do río Castro sen ningunha consideración.

Galletas de chapapote no Rostro

Mención especial teñen as galletas de chapapote que atopamos na praia. Ducias de bancos de pequenas galletas duns 5 centimetros de diámetro cobren a parte baixa do areal. Galletas que saen á superficie cando hai mar de fondo, e que demostran que é moito o chapapote que queda baixo o primeiro manto de area.

E tamén trozos de lata cobren a praia do Rostro. Trozos de lata negra, que segundo os veciños, só poden ser refugallos do Casón, que xace a escasos 100 metros do areal.

A ver cando se organiza unhaboa xornada de limpeza, que se non parte das administracións, terá que saír da poboación civil. Estade atentos, que algo hai en marcha.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (infoque@pasanacosta.com).