Varias entidades participan no I Foro de desenvolvemento rural Costa da Morte

Os participantes do Foro de Desenvolvemento Rural fixeron unha diagnose da situacion actual Distintas entidades da bisbarra participaron o pasado venres no I Foro de desenvolvemento rural Costa da Morte que tivo lugar no centro sociocultural de Baio e que estivo organizado polo GDR - Grupo Desenvolvemento Rural - Costa da Morte. Manuel Muíño Espasandín, presidente do GDR foi o encargado de presidir o Foro no que máis de 45 persoas, representando aos concellos, institucións, asociacións, e outras entidades do territorio, e tamén persoas a título individual, participaron no mesmo. Este Foro supón a apertura pública do proceso de elaboración da estratexia de Desenvolvemento Local Participativo - EDLP -, para o vindeiro período de programación 2014-2020, para o Programa Leader do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. O principal obxectivo desta reunión consistiu en realizar unha reflexión diagnóstica sobre a situación actual do territorio atendendo ás problemáticas e retos que definirían o futuro desenvolvemento das zonas rurais. Entre as principais achegas que se formularon, falábase da necesidade de promover iniciativas que contribuíran á diversificación de actividades económicas no territorio, aproveitando as potencialidades do sector primario, o amplo patrimonio e recursos naturais da zona. Tamén se reforzou a necesidade dunha imaxe de marca propia, dunha identidade territorial da Costa da Morte, co obxectivo de facer á zona máis visible. Dentro deste proceso, tamén se celebrarán unhas xornadas de traballo con mesas sectoriais, nas que o principal obxectivo será definir a proposta estratéxica de actuación, marcando os obxectivos e liñas de actuación do Plan. Estas reunións celebraranse o vindeiro 18 e 19 de maio, en Vimianzo e Buño, sendo abertas para calquera persoa ou entidade que queira participar. Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com)
  • GDR Costa da Morte