Volven esixir no Parlamento unha ambulancia medicalizada para as comarcas da Costa da Morte
Leva a Costa da Morte esixindo a presenza dunha ambulancia medicalizada que permita unha atención inmediata nas comarcas da Costa da Morte. Foi o PSdeG-PSOE o que volveu reclamar hoxe no Parlamento de Galicia esta infraestrutura "esencial e imprescindible para ter unha atención de urxencia e de calidade". "25 anos, que se di pronto, é o que levan esperando os veciños e as veciñas da Costa da Morte e de Bergantiños por ter unha ambulancia medicalizada", lembrou a socialista Patricia Iglesias.
"Pensemos nun infarto ou un ictus, onde realmente un minuto é esencial e cuestión de vida o morte", indica a deputada, que lembra que "a ambulancia medicalizada máis cercana está na Coruña, a 30.000 minutos da capital de Bergantiños, de Carballo". "É moito tempo, tamén do outro hospital, o comarcal de Cee", lamenta Iglesias. "Os núcleos de poboación da Costa da Morte están moi espallados, polo que é imprescindible e necesario que se dote dunha ambulancia medicalizada a esta comarca", engade.
Patricia Iglesias subliña que se trata dunha reivindicación histórica "tanto da veciñanza como tamén do Partido Socialista" en diferentes lexislaturas. "Volveremos insistir", recalca.
Os profesionais critican: "A Xunta xoga coa saúde na Costa da Morte"
"Resulta indignante que a Xunta de Galicia siga defendendo un modelo de transporte sanitario que abandona á súa sorte aos veciños da Costa da Morte. Non podemos calar ante unha xestión que ignora a realidade xeográfica e climática da nosa comarca", aseguran os profesionais de Urxencias Sanitarias.
Critican a promesa "dun helicóptero nocturno que non servirá de NADA", xa que na comarca non tempos heliportos accesibles en cada parroquia, e as condicións meteorolóxicas impiden o seu achegamento durante boa parte do inverno.
Critican que lancen na prensa o teórico custe dunha infraestrurura coma esta (2 millóns de euros), cando "o custo desorbitado deste servizo "fantasma" do helicóptero nocturno cubriría con creces a posta en marcha de varias ambulancias medicalizadas permanentes na zona, unha solución real que si salvaría vidas". "Isto non vai de política, vai de supervivencia", denuncian. "Menos propaganda aérea e máis medios terrestres onde fan falta".