xoves. 05.03.2026
El tiempo

Volven esixir no Parlamento unha ambulancia medicalizada para as comarcas da Costa da Morte

Ambulancia medicalizada Costa da morte
Volven esixir no Parlamento unha ambulancia medicalizada para as comarcas da Costa da Morte

Leva a Costa da Morte esixindo a presenza dunha ambulancia medicalizada que permita unha atención inmediata nas comarcas da Costa da Morte. Foi o PSdeG-PSOE o que volveu reclamar hoxe no Parlamento de Galicia esta infraestrutura "esencial e imprescindible para ter unha atención de urxencia e de calidade". "25 anos, que se di pronto, é o que levan esperando os veciños e as veciñas da Costa da Morte e de Bergantiños por ter unha ambulancia medicalizada", lembrou a socialista Patricia Iglesias. 

 "Pensemos nun infarto ou un ictus, onde realmente un minuto é esencial e cuestión de vida o morte", indica a deputada, que lembra que "a ambulancia medicalizada máis cercana está na Coruña, a 30.000 minutos da capital de Bergantiños, de Carballo".  "É moito tempo, tamén do outro hospital, o comarcal de Cee", lamenta Iglesias. "Os núcleos de poboación da Costa da Morte están moi espallados, polo que é imprescindible e necesario que se dote dunha ambulancia medicalizada a esta comarca", engade. 

 Patricia Iglesias subliña que se trata dunha reivindicación histórica "tanto da veciñanza como tamén do Partido Socialista" en diferentes lexislaturas. "Volveremos insistir", recalca. 

Os profesionais critican: "A Xunta xoga coa saúde na Costa da Morte"

​"Resulta indignante que a Xunta de Galicia siga defendendo un modelo de transporte sanitario que abandona á súa sorte aos veciños da Costa da Morte. Non podemos calar ante unha xestión que ignora a realidade xeográfica e climática da nosa comarca", aseguran os profesionais de Urxencias Sanitarias. 

Critican a promesa  "dun helicóptero nocturno que non servirá de NADA", xa que na comarca non tempos heliportos accesibles en cada parroquia, e as condicións meteorolóxicas impiden o seu achegamento durante boa parte do inverno.  

Critican que lancen na prensa o teórico custe dunha infraestrurura coma esta (2 millóns de euros), cando "o custo desorbitado deste servizo "fantasma" do helicóptero nocturno cubriría con creces a posta en marcha de varias ambulancias medicalizadas permanentes na zona, unha solución real que si salvaría vidas". "​Isto non vai de política, vai de supervivencia", denuncian. "Menos propaganda aérea e máis medios terrestres onde fan falta".

 

Comentarios