A Xunta somete a información pública un novo treito do Corredor

9 anos tiveron que pasar despois da inauguración do treito da Autovía entre Carballo e Baio para que a Xunta pola andar un novo treito dunha infraestrutura xa reducida a Corredor. Esta mañá de venres, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue anunciaba o sometemento a información pública do novo proxecto do treito de 5,5km entre Santa Irena e a estrada que une Camariñas e Vimianzo.

Fíxoo Sen marca prazos e loubándose do "compromiso da Xunta coa conectividade da Costa da Morte", noutra clara mostra de desprezo á intelixencia da veciñanza da comarca, que entende a xestión da Autovía como unha verdadeira tomadura de pelo.

Faino ademais cun proxecto que finalmente non inclúe a ligazón co polígono de Vimianzo, un dos supostos argumentos para o eterno retraso da construción dunha vía que xa ten dende hai 15 anos o desmonte feito ata Berdoias.

A Administración autonómica prevé un investimento de 36,4M. O proxecto inclúe a construción no treito de 2 enlaces e a previsión dun terceiro, 3 viadutos, 6 pasos superiores, 3 pasos inferiores e 6 obras de drenaxe. Como explicou a conselleira, a estrutura máis singular será o viaduto sobre o río Vimianzo, que permitirá o cruzamento do viario sobre esta contorna, entre os puntos quilométricos 7+005 e 7+249.

 

Moción na Deputación 

Paralelamente, tamén este venres as Deputación da Coruña aprobou este xoves, no pleno ordinario de xuño, unha moción promovida polo PSdeG-PSOE para instar á Xunta de Galicia a completar as obras pendentes da autovía da Costa da Morte. A proposta saíu adiante cos votos favorables do PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños, mentres que o grupo provincial do Partido Popular votou en contra.

O voceiro do goberno da Deputación, Bernardo Fernández, fixo un repaso exhaustivo da longa traxectoria desta infraestrutura, comprometida por primeira vez en 2002 polo entón presidente da Xunta, Manuel Fraga. A súa licitación inicial tivo lugar en 2007, baixo o Goberno bipartito de Emilio Pérez Touriño, cun orzamento de 584 millóns de euros. Posteriormente, a UTE adxudicataria —formada por Ferrovial e Taboada y Ramos— advertiu que non podería cumprir co contrato a non ser que se lle incrementase o prezo nun 30%. Ante esta situación, foi o Goberno do Partido Popular, xa en 2009, quen decidiu rescindir o contrato.

Coa chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia da Xunta, a autovía foi licitada dúas veces máis. A primeira destas novas adxudicacións recaeu nunha UTE integrada, entre outras, por FCC e Covsa, por un importe de 979 millóns de euros, practicamente 400 millóns máis ca o proxecto anterior. A terceira licitación, datada en 2011, tivo un custo de 745 millóns.

Con todo, en febreiro de 2013 —case dous anos despois da última adxudicación— a Xunta informaba no Parlamento galego de que o grao de execución das obras non superaba o 20%. Segundo explicou Fernández, a causa alegada foi a falta de financiamento por parte da concesionaria. Nesta ocasión, a resposta do Goberno de Feijóo foi moi distinta: no canto de rescindir o contrato, como fixera co anterior, optou por permitir á empresa renunciar á construción dos últimos 15 quilómetros do trazado, entre Baio e Berdoias. Así, a autovía quedou reducida dos 45 quilómetros inicialmente proxectados aos 25 comprendidos entre Carballo e Baio.

Xa a finais de 2013, o Executivo autonómico volveu comprometerse a rematar a obra no ano 2016. Ese mesmo ano púxose en funcionamento o tramo entre Carballo e Berdoias, que incluía 25 quilómetros de autovía e outros 8 de corredor. Durante a inauguración, Feijóo reiterou a súa promesa de completar o proxecto, que continuou aparecendo nos orzamentos autonómicos ano tras ano, pero con partidas económicas “claramente insuficientes”, segundo denunciou o voceiro socialista.