Axenda completa e variada para unha ponte de sol

Ponte de decembro e chegan 3 días completos de cousas que facer. Poderemos saír da casa sen medo, ademais, e disfrutar do teatro, da música, de festas e mesmo de rutas de sendeirismo, aproveitando o bo tempo que teremos, como nos contan os amigos de 4gotas no avance metereolóxico:
A fin de semana preséntase anticiclónica, pero é posible que con algún posible cambio, aínda sen confirmar.
Unha borrasca situada no Atlántico, cambiará o réxime de ventos e pasarán a ser do sur a partir do sábado, (frouxos iso si) pero a borrasca queda lonxe e non chegará a meter chuvias.
O venres o día será despexado en toda a Costa, e con temperaturas suaves no mediodía.
O sábado é probable que cheguen nubes altas, que en principio non impedirán o paso do sol, e deixarán un fermoso solpor como explicamos neste artigo, baixarán un chisco as temperaturas, tanto as nocturnas, como as diurnas.
A maior dúbida está no domingo, cando é probable que cheguen nubes durante a madrugada. Non deberían deixar ninguna chuvia, e axudarán a que non haxa xeadas no interior da Costa da Morte, pero haberá que estar atentos ao prognóstico para ver como evolucionan. O domingo, ao igual que o sábado serán días fríos.

Dende xa

Recuperamos xa as citas recollidas en www.axendacostadamorte.com para unha fin de semana arrinca hoxe xoves cunha cita ineludible en Laxe. Será Yoni Medio Gramo o que nos deleite co seu monólogo no Pub A Ventana.

A mañá do venres, festivo, comezará cas botas postas e os trasnos por aí, na 7ª Etapa do Camiño dos Faros, que unirá Nemiña e Muxía.
A tarde do venres terá unha cita Pelos na Lingua de Talía Teatro en Dumbría, e mais ca inauguración da mostra en Muxía do pintor Xervasio Sar e as palilleiras.

Pola noite teremos variedade de actividades, como as Festas de Xornes, que continuarán sábado e domingo. Tamén teremos a fantástica Cea Concerto de Os da Ría en Sardiñeiro, onde tamén terá lugar o concerto de Brais Redonda. E unha das citas da fi de semana, o Concerto do rapeiro ceense Leo KcH na Ventana de Laxe.

Xa o sábado teremos un espectáculo de maxia no Nadal dumbriés, e outra cita máxica en Ponteceso, para pechar cas Festas de Xornes.

E o domingo volverá amencer a golpe de andaina, coa Ruta polos Ríos de Sofán con Senda Nova.
E pola tarde, espectáculo de maxia en Laxe e concerto musical en Vimianzo.


Máis información

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).