#AxendaCostadaMorte: A micoloxía imponse

Segunda fin de semana de novembro e parece que o tempo non recúa. Pero as actividades tampouco, e teremos unha marea de cousas que nos fagan saír da casa. A micoloxía, o teatro, a música e as festas serán as protagonistas.

Pero antes de facer o repaso, os compañeiros de 4gotas dannos o parte metereolóxico:
Tralas chuvias desta noite, o venres será unha xornada de chuvascos. Serán máis frecuentes na mañá, no mediodía alternarán con claros e a partir de media tarde desaparecerán. O máis destacado do venres será a baixada de temperaturas. Notarase frío pola noite.
O sábado volverán as nubes e deixarán chuvias, na costa serán moi febles (de tipo orballo), cara ao interior serán algo máis intensas. O vento do oeste (con algún refacho forte) aportará moita humidade no sábado.
O domingo seguirá o vento do oeste, desta volta feble, e continuará a aportar moita humidade e moitas nubes, pero apenas deixará chuvia en todo o domingo.
A boa nova chega o luns, no día de San Martiño chegará o seu veraniño. Luns e martes teñen moitas probabilidades de ser solleiros, especialmente ao sur de Fisterra.

E comezamos o repaso polas XIII Xornadas Micolóxicas Costa da Morte, a meirande referencia en materia micolóxica da bisbarra. A Escola de Música de Cee aparcará os instrumentos e volverá ser tomada polos cogumelos, e serán varios os especialistas os que nos guien pola exposición. Ademais, atentos as sesións de degustación, que un manxar natural coma estes de temporada hai que aproveitalo.

E aínda en clave de natureza, teremos ocasión de facer a 5ª etapa do Camiño dos Faros durante o sábado, ou facer a Ruta das Férvedas de Carballo con Senda Nova o domingo.

Toca falar das citas festexeiras, que habelas hainas. E cómpre empezar polas Festas de San Martiño de Lariño, que empezan hoxe venres 8 e non rematan ata o martes...
E de festas, e tamén polo San Martiño, estarán en Vilaseco, Vimianzo.

E se imos xa cas citas indoor temos que comezar o venres en Cee, cun monólogo de Sergio Muro, e continuar co concerto de Los Claretes.
Para o sábado poderemos arrinca na Xuntanza de Palilleiras de Vimianzo, para logo comezar a noite cun taller e cea de pasta en Corcubión, pero temos varias citas importantes co teatro e a música. Continúa o Ciclo de Teatro de Ponteceso e o fai con "Misión Sapiens. Operación Comedia", de Malasombra. O propio sábado, xa de noite, teremos tamén un concerto en Carballo, onde tamén terá lugar o Festival Folk "Sons de Aquí".

E para o domingo, doble cita, no MOT de Laxe, e en Vimianzo teremos, na habitual cita dominical, unha sesión de "Música en pequeno formato".

Pero atentos, que a noite dominical acollerá unha das citas máis emotivas e simbólicas da zona. A Homenaxe ao naufraxio do Serpent levaranos en plena noite do domingo 10 de novembro, tal e como acontecía hai 123 anos, ao Cemiterio dos Ingleses, para render homenaxe aos finados.


Máis información

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).