#GalaXalleiros: 5 historias que fan Santa Comba
Xa lle pegamos un repaso á Gala Xalleiros 2015 e unha ollada atrás á do 2014. Hoxe, da man da activa OMIC Santa Comba repasamos as historias dos que serán galardoados este venres 20 de febreirop a partir das 20:00h no Edificio Multiusos.
Cultura: FRANCISCO RODRÍGUEZ BLANCO “O GARROTE”
O Garrote foi un coñecido integrante da Banda de Música de Santa Comba desde a súa creación (nos anos 40) ata a súa disolución. Posteriormente formou parte das orquestras do municipio, a Santa Comba e os Dinámicos. A mediados do anos 80, e no bar que rexentaba na principal rúa do casco urbano municipal, a Avda. Alfonso Molina comezou a impartir clases de música xunto co maestro España. Esta actividade foi o xermen para a creación dunha Escola Municipal de Música e a reaparición dunha Banda de Música Municipal, da que xunto con España, foi codirector. Este ano cúmplense 3 anos do seu pasamento. Ese día, o seu traslado desde o tanatorio a igrexa parroquial foi acompañado por un gaiteiro, que tocou tamén durante o seu enterro.
Toda unha vida: PERFECTO PEREIRA “PEREIRIÑA”
É un dos dos precursores vivos da música do municipio. Debutou como cantante ós 9 anos de idade nas festas de Bustelo, a súa parroquia. Na súa mocidade disfrutaba subindo ós escenarios cando viñan as orquestras ás festas da súa aldea. A partir dese intre, estivo tres décadas enriba deles co obxectivo de divertir ó seu público. Cunha formación practicamente autodidacta creou e formou parte de célebres orquestras xalleiras dos anos 60, 70 e 80 como a “Santa Comba”, “Los Dinámicos”, “Los Panters” ou “Los Seikos”. “Pereiriña” non só contribuíu ó entretemento e a diversión da xente, senón que tamén foi o xerme para a creación de varias empresas o amparo da música. Delas podemos citar a Durán Radio que nos seus comezos acompañaba a “Los Dinámicos” ou a “Los Panters” para darlle o servizo de son ou para levar os instrumentos da banda de música nunha DKW. Ou a Paco Romar, que como membro da Banda de Música Municipal decidiu mercar unha furgoneta para o transporte dos músicos.
Valores humanos na emigración: MARTÍN AMARELLE GARCÍA
Aínda que ten unha dilatada traxectoria deportiva ó longo da súa xuventude, foi o seu bo facer no eido deportivo mesturado cunha dose elevada de solidaridade e valores humanos na emigración londinense o que o levou a lograr este galardón de “Valores humanos na emigración”. No ano 2014 Martín viu recocoñecida, dun xeito oficial polo primeiro ministro británico David Cameron, a súa labor diaria con xóvenes con deficiencias físicas, psíquicas e sensoriais, e sobre todo con mozos doentes de gran autismo. Na residencia oficial do 10 de Downing Street, Martín recibiu os parabéns do primeiro ministro. Pero no seu afán de que a súa labor prosperara máis e máis e esta vez cun obxectivo económico para a causa destes xóvenes, propúxose correr dúas das grandes probas de resistencia do circuíto mundial: a Maratón e o Triatlon da capital británica. Logrou rematar as dúas probas para superhomes recadando máis de 3.000 libras solidarias e acadando o posto 5282 de entre máis de 50.000 participantes na maratón, e o posto 232 da xeral de máis de 13.000 participantes no Triatlon, e o posto 22 da súa categoría de 40-44 anos. Na súa xuventude chegou a xogar ó baloncesto de forma semiprofesional con formación nas categorías inferiores dos grandes do baloncesto nacional como o Real Madrid, Estudiantes, Joventud de Badalona ou Forum de Valladolid. Foi subcampeón galego sub 22 e subcampeón de España con Peleteiro Basket, chegando a xogar na élite da Liga Leb (2ª nacional) ó carón de ex-xogadores da NBA. Tamén foi campión provincial escolar de Balonmán e porteiro de hockei a patíns. Martín está na actualidade inmerso nun proxecto solidario-deportivo co obxectivo de recadar fondos para investigación sobre o cancro, e polo cal disputará o Ironman de As Pontes.
Deporte: FAMILIA RAMOS REY (Arturo, Dolores e Turi)
Sen unha tradición deportiva na familia, un día, e para evadirse dunha grave enfermidade que sufria o seu pai, Arturo Ramos decidiu saír a botar unhas carreiras pola alameda de Santiago de Compostela xunto co seu irmán. Sen unha preparación previa, con 31 anos e roldando os 90 Kg de peso, o aire acabóuselle pouco despois de correr 500 m. A partir dese intre, e pouco a pouco a súa vida dou un xiro radical. Comenzou a adestrar e a participar en carreiras por toda Galicia facendo varios podiums e incluso rematando o ironman de As Pontes (3.800 metros nadando, 180 km de bicicleta e 42 km. correndo). Seguindo o seu exemplo e con 5 anos comeza o seu fillo Turi, que xa gaña a primeira proba na que participa. Turi, actual campión galego nas modalidades de natación e carreira, campión galego en duatlón, subcampión en triatlón, campión galego de clubes en cross, terceiro no campionato de España de duatlón por equipos, xa é unha das máis firmes promesas do atletismo galego. En breve acudirá ó Campionato de España de cross en Cáceres e ó nacional de duatlón na modalidade de estrada que se desenvolverá en Avilés. Estaba claro que con pai e fillo tódolos sábados e domingos percorrendo Galicia e parte da península como Alicante ou Fuerteventura para disputar carreiras populares, maratóns, triatlons, duatlóns, ironmáns e numerosas variantes do atletismo, a esposa e nai non quería quedar máis na casa. Dolores comeza a probar no atletismo simplemente para acompañar ós homes da casa e tamén por saúde. Sen darse conta xa adestra a diario e xa forma parte dun clube de atletismo, logra baixar dunha hora na carreira pedestre de Santiago, acaba unha media maratón (21 km) e como pai e fillo xa empeza a subir os podiums, entre eles o do subcampionato galego de 10000 metros en categoría Veterana A.
Labor Social: MONXAS DE BAZAR
Actualmente son catro monxas que pertencen á Compañia de María e que se decidiron a vivir por e para a poboación tras o Concilio Vaticano II. Pero para os veciños, máis que monxas, son as mulleres todoterreo da parroquia de Bazar e alma mater da dinamización do lugar. Chegaron a Bazar en 1977, porque unha monxa que daba clase en Bembibre comentoulles que non había clases para nenos de preescolar. Despois de 37 anos, non so foron capaces de manter as clases para nenos senón que cando moitas parroquias teñen as antigas Escolas Unitarias en completa ruína, a de San Mamede de Bazar está como unha patena grazas ó bo facer destas monxas. Ademais de local social para os veciños, é a vivenda na que residen.
A súa incansable adicación a súa parroquia e ó veciños foi e segue sendo total e absoluta: clases de apoio, de reforzo escolar, organización de actos, excursións, organización de campamentos xuvenís, clases de música (frauta, piano, pandeireta), teatro, creación dunha biblioteca, preparación dos nenos para o catecismo, colaboración na organización do torneo de fútbol e a atención a maiores de máis de 70 anos de idade, están entre as moitas labouras que as Monxas de Bazar levan facendo desde que chegaron á parroquia. Ata crearon unha asociación veciñal e un xornal local: “A Regueifa”. En constante actualización, conta con facebook, onde puxeron a disposición dos veciños algúns dos primeiros computadores que chegaron ó municipio.
Novas relacionadas
- Martín Amarelle e a Familia Ramos Rey entre os premiados da Gala Xalleiros.
- Martín Amarelle, o heroe solidario xalleiro.
- Atomé, como un erro marca unha vida prolífica.
- A bitácora da semana: Santa Comba na memoria.
- O Campo do Carreiro ou a forza dos veciños.
- Víctor Espasandín: Coñecendo a un xalleiro na elite do fútbol español.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).