Madrid escoitou os berros dos Emigrantes Retornados da Costa da Morte

A partir de xaneiro Facenda deixará de interpoñer sancións e intereses de demora. e ademais procederá á devolución das xa interpostas aos Emigrantes Retornados de toda o estado. Unha gran vitoria que, sen embargo non frea as gañas de xustiza deste colectivo, con moitos afectados da Costa da Morte.

De feito, a Asociación AJAE, Emigrantes Retornados da Costa da Morte, foi unha das principais presencias na manifestación levada a cabo onte en Madrid. Unha marea de maiores de toda a península partían da Porta do Sol cara ao Ministerio de Facenda, para deixar ver as súas demandas.

Estiveron apoiados pola Asociación Nacional de Emigrantes e polas Plataformas Galegas de Costa da Morte, Morrazo e Ulla-Umia, ademais da Asociación Andaluza de Emigrantes Retornados. Con todo, é unha mágoa que os colectivos non estean completamente unidos, i é que a ideoloxía ás veces métese en todas as loitas, e non todas as entidades que pelexan por esta causa forman parte da FEAER (Federación Española de Asociacións de Emigrantes Retornados).

E andiveron, acompañados de grupos como o BNG, AGE ou IU, e mesmo chegaron mesmo ao Congreso, onde foron recibidos polo PSOE.

Demandas claras

Ademais, dos carteis de “Emigrantes estafados, non estafadores” e demais, o colectivo quere deixar claras as súas peticións:

  • A non execución con carácter retroactivo dos impostos que non se pagaron por falta de información como xa quedou demostrado e así o confirman desde o Ministerio de Facenda ao retirar os intereses de demora e as sancións.
  • A retirada da lei 35/2006 en función da cal si tes dous pagadores e superas os 11.200 euros estás obrigado a realizar a declaración da renda. Isto prexudica en maior grado aos emigrantes retornados xa que reciben as súas pensións a través de dúas pagadores (algúns con pensións estranxeiras non superiores a 100 euros)
  • A igualdade nos grados de incapacidades a nivel europeo , actualmente cada país concede os seus a moitos emigrantes redúceselles o grado ao chegar a España, polo que se ven obrigados a tributar aínda que no país de orixe se lles eximía diso.
  • A igualdade á hora tributar (IRPF) con respecto aos pensionistas nacionais , no programa Pai prexudícase aos pensionistas emigrantes retornados xa que non se considera os seus ingresos como pensión senón como outra renda e non se benefician dos tipos de tributación especiais para pensionistas. Isto foi recoñecido polo director da Axencia Tributaria, Ulpiano Villanueva.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).