O teatro apodérase da #AxendaCostadaMorte

Axenda Costa da Morte Unha fin de semana máis, o teatro invade a #AxendaCostadaMorte. Son moitas vilas as que acollen espectáculos do máis variados e cos pasar un anaco divertido e ó abrigo porque, segundo indica o parte costeiro de 4gotas.com "A fin de semana vai vir marcada por un cambio no tempo". "Durante a mañá de hoxe continuarán as nubes que deixarán orballos a partir do mediodía. Xa pola tarde, achegaránse ata a Costa da Morte unhas nubes máis negras que traerán choiva e refachos fortes de vento do sudoeste. Ainda así, o frío segue sen vir. O sábado choverá na madrugada e tralo paso da fronte cambiará o vento ao norte e arrastrará unha masa de aire moi fría que provocará duas cousas. Por un lado, unha baixada das temperaturas. Levamos 15 días con temperaturas entre os 12-14ºC de mínima e os 17-20 de máxima e pasaremos a valores de 6-8 graos de mínima e máximas de 12-13ºC. A noite do sábado, o domingo e o luns será cando máis frío vaia. E por outra parte, esta masa de aire moi fría inestabilizará a atmosfera deixando un sábado e un domingo marcados por cambios de súpeto no tempo. Momentos de sol, virán seguidos de chaparróns puntuais, algún forte e acompañado de saraiba. No momento do chubasco rexistraranse refachos fortes de vento do norte. Estes ballóns durarán uns 15-20 minutos e volverá a calma e mesmo o sol. Así que... temperaturas suaves e agradables o venres, frío sábado e domingo. Nubes na mañá do venres, orballos despois, e unha mistura de momentos de sol e de chaparróns intensos na finde (mesmo con saraiba)."   Teatro
  • Malpica: Malasobra Produccións trae a súa obra “D.E.P.” ao centro cívico de Malpica dentro a XI Mostra de Teatro. A comedia, tantas veces representada na Costa da Morte durante os últimos meses, está dirixida a todos os públicos e é hoxe ás 20:30 horas.
  • Santa Comba pecha hoxe o I Ciclo de Teatro coa obra "Tacóns na corda" da compañía Verdeveras. A actuación é ás 22 horas no Multiusos.
  • Xa o sábado, o Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acolle ás 18:00 horas, o espectáculo infantil ‘Animundis’.  Os máis miúdos, xunto cos seus acompañantes, poderán gozar durante case unha hora da proposta de Benjamín Queiro, na que por medio da música e o teatro se nos presenta a entretida historia dun pingüín e un paxaro. O custe da entrada é de 2,5€.
  • Fisterra: A partir das 19 horas do sábado, os actores Luis Iglesia e Xabier Deive presentan seu lado máis salvaxe e divertido con Sede de Mal. Esta comedia, que terá lugar no salón de actos do concello, inclúese dentro do programa "Teatro Musiqueiro en Fisterra".
  • "As Fillas Bravas" do grupo Chévere será a obra que acolle este sábado, ás 22:30 horas, o salón de actos do edificio das escolas de Ponteceso e que enmarca dentro do XXII Ciclo de Teatro.
E  o domingo continúa a oferta teatral pola Costa da Morte
  • Pistacatro presenta o domingo, ás 18 horas no auditorio da casa da Cultura de Cee, o seu espectáculo de circo "Desperta!". Neste show infantil, a compañía afonda na identidade individual, no que nos iguala e no que nos diferencia, no que transcurre na intimidade dun baño cando ninguén mira.
  • O teatro volve de novo o domingo ao centro cívico de Malpica. A escola de teatro Valle-Innova, da Fundación Valle Inclán, dirixirá dende as 11 horas unha serie de actividades lúdico-teatrais dirixidas a toda a familia. E xa pola tarde, ás 17 horas, a mesma escola de teatro ofrece o espectáculo infantil interactivo“Quiero ser un Valle-Inclán”, no que os rapaces e rapazas descubrirán os pormenores máis divertidos da vida de Valle Inclán e do mundo do teatro.
  Concertos
  • Carballo continúa hoxe co seu progama "Novembro con música" e faino da man de Pres de Cambrai que chega cun concerto de música antiga-tradicional-fusión. Os integrantes da formación son músicos de consolidada experiencia no ámbito da chamada “música culta” e forman parte doutras agrupacións musicias de grande relevancia.
  • A música invadirá de novo o sábado Carballo co Festival de Corais no que participan dúas das agrupacións de Carballo, de estilos moi diferentes, o Coro Aires de Bergantiños (con temas tradicionais galegos) e a Coral Polifónica de Bergantiños (dedicada á polifonía máis clásica)
  • Os Alan Acoustic Project (en realidade, xa non tan acústicos) tocan hoxe, a partir das 23:59 horas, no Pub Nerio de Cee.
  • Xa o sábado, volven a subir ao escenario da casa da Cultura os músicos de Vimianzo, esta vez tócalle o turno a Urko, Suso de Quinito e Druídas da Rolda (ainda que no cartel están anunciados outros grupos que finalmente non poden asistir). Esta actuación inclúese dentro do programa "Novembro Musiqueiro de Vimianzo".
  • A casa de Cultura da Picota (Mazaricos) acolle o sábado ás 17 horas o concerto acústico de Jéssica Núñez. A entrada ten un custe de 3 euros.
  • Tamén o sábado, a Banda de Música de Cee ofrece un concerto na casa da Cultura de Cee a partir das 20:15 horas.
Micoloxía e magostos Como ainda estamos no tempo, continúan os encontros e as festas nas que os cogumelos ou as castañas son as protagonistas.
  • O restaurante Praia de Quenxe de Corcubión acolle esta fin de semana, dende a tarde de hoxe e ata o domingo 22 ao mediodía, unhas xornadas de elaboración de pinchos con setas. Ana Oca será a encargada de elaborar os pinchos a base de setas do domingo.
  • O domingo, a partir das 16 horas, terán lugar na casa escola de Lires unhas xornadas adicadas ao cogumelo nas que se inclúen unha saída ao monte e unha charla didáctica con César Pérez e Andrés Rodríguez, de Pan de Raposo.
  • O pavillon municipal de Laxe será o escenario da V Mostra de Artesanía e dun magosto popular que terá lugar o domingo a partir das 17 horas.
  • En Carnés (Vimianzo) celebran a patir das cinco da tarde deste domingo un magosto no que no faltarán os xogos populares. Tamén farán por primeira vez un campionato do xogo da rá.
Sendeirismo
  • Senda Nova percorre este domingo, 21 de novembro as Pegadas do Wolframio ao seu paso polos concellos de Carballo e Malpica. O percorrido, de 19 quilómetros, é de dificultade media. Os interesados poden anotarse no teléfono 696.155.232
  • Tamén o domingo e de novo Senda Nova organiza ás 13 horas unha Xuntanza na Eiras das Meigas. No acto, baixo o nome Amor por Monte Neme, preténdese amosar o amor e os valores do Monte Neme.
  Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)