A día de onte xa estaban cubertas máis da metade das prazas dispoñibles na categoría absoluta da 10K Carballo. En total eran máis de 600 as persoas inscritas para a carreira popular da capital de Bergantiños, un evento deportivo que gaña en cada edición en participación, público e resultados. O prazo sigue aberto ata o 15 de xuño e os interesados poden anotarse a través championchipnorte.com ou carballo.gal.
A 10K está organizada polo concello de Carballo, a través de Carballo Deporte, coa colaboración da Deputación, a Federación Galega de Atletismo, Coca-Cola e Powerade. É unha carreira oficial da Federación Galega de Atletismo, que ademais está incluída no IV Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña e que se disputa por un circuíto homologado de 10.000 metros totalmente urbano, aínda que as distancias varían en función das 17 categorías establecidas.
O 15 de xuño rematará o prazo de inscrición e o domingo 19 disputarase a 10K. Tanto o día anterior, de 10:30 a 14 e de 16 a 20 horas, como o mesmo día ata 30 minutos antes do inicio da proba, poderán retirarse os dorsais na planta alta do Mercado Municipal de Carballo. Os e as participantes disporán de servizos de gardarroupa, duchas e fisioterapia. As persoas que precisen máis información poden dirixirse ás oficinas de Carballo Deporte, na rúa Vila de Corcubión - número de teléfono 981 702 109 -.
III Carreira Pedestre concello de Zas
Por outra parte, tamén está aberto o prazo de inscrición a III Carreira Pedestre concello de Zas que se enmacar dentro do III Circuíto Correndo pola Costa da Morte.
A cita será o 4 de xuño. Ás 17 horas terá lugar a carreira de Benxamíns e Alevíns e media hora máis tarde, será a 3K Contra o Cancro. Xa ás 18 horas dará comezo a 10K Senior, M40 e M50 e ás 19:30 horas correrán os Pitufos. A entrega de premios terá lugar ás 19:45 horas. Os interasados en participar deben inscribirse a través da páxina oficial do evento.