Anxo Mato, do Balsiño ao Camp Nou

Celebración no Camp Nou de Anxo Mato cos seus veciños que se desprazaron alá e que levaban as camisetas conmemorativas do Mago de Laxe-Foto-M Montilla de El Mundo Deportivo

O pasado mércores 2 de decembro, o CF Villanovense xogaba no Camp Nou o partido de volta dos dezaseisavos de final da Copa do Rei, e no once inicial do equipo estremeño figuraba, co número 7, Anxo ‘O Mago de Laxe’. É este un dos futbolistas costeiros que triunfou no mundo do fútbol, cunha traxectoria moi fructífera, tal e como podedes comprobar no seguimento, que temporada a temporada, lle fixemos no noso libro dos 50 anos do fútbol da Costa (1964-2014). E o que lle queda…

Anxo no equipo cadete do CD Baio na temporada 1995-96. Anxo é o cuarto pola esquerda de pé

Anxo Mato Pose naceu na vila de Laxe o 30 de marzo de 1982, e deu os seus primeiros pasos futbolísticos nas categorías de base do C.D. Baio. Foi, xa que logo, o mítico campo do Balsiño o que viu por vez primeira como este rapaz de Laxe lle daba patadas a un balón nun equipo oficial. Aí foi onde comezou a demostrar a súa calidade, a pesar de que o terreo non era o máis propicio, pero por sorte, se as condicións do céspede o permitían, tamén xogaban no Platas Reinoso. Nas temporadas 95-96 e 96-97 xogou no equipo cadete do CD Baio, aínda que nesta última campaña xa formou parte de forma habitual do plantel dos xuvenís, cos que gañou a liga, sendo o seu segundo máximo goleador con 17 tantos (no podio xunto con dous futuros clásicos da Costa: Martín marcou 47 e Juan “o Vello” 16). Nesta mesma temporada foi subcampión da liga dos cadetes –esta competición xogábase despois da de xuvenís-, a só dous puntos do Bergantiños. A pesar da curta idade, Anxo xa destacaba, o que lle valera facer a pretemporada co equipo sénior que competía na Rexional Preferente da man de Moncho Varela, e ademais foi convocado pola selección coruñesa Sub-14, na que figuraba outro futbolista costeiro de brillante porvir: o porteiro coristanqués Rubén Martínez, que daquela xogaba no Orillamar.

Anxo na foto de presentación do CD Baio da temporada 1996-97 que disputaba a Rexional Preferente. Anxo figura no medio na fila de arriba

Rematada a etapa cadete, Anxo abandona o CD Baio para seguir formándose no Galicia Gaiteira coruñés, pero non tardaría en incorporarse ao xuvenil do Bergantiños CF, xogando neste equipo nas temporadas 97-98 e 98-99, e mesmo foi algunha que outra vez co equipo sénior que militaba nesta altura na 1ª Rexional. Nestes anos foi convocado coa Selección Galega Sub-17 que había de disputar o Campionato de Seleccións Autonómicas.

Na temporada 1999-2000, sendo aínda xuvenil, ficha pola SD Compostela, para xogar no seu filial, o Compostela B da 3ª División, no que tamén militaba outro costeiro: José Carlos Canosa “Llanero”. As súas destacadas actuación fixeron que David Vidal, míster do primeiro equipo, se fixase nel e o convocase nalgunha ocasión. Á temporada seguinte, Anxo era xa un fixo no primeiro equipo que xogaba na 2ª División do fútbol español. Aquí coincidiría co camariñán Juan Cabrejo, quen non obstante abandonaría o club en xaneiro con destino Éibar. Anxo fíxose un sitio entre os Fabiano, Ohen, Gudelj, Juanito ou Romano Sion, para xogar 27 partidos e marcar 4 goles. Con todo, o Compos descende no último partido de liga á 2ª B.

Continúa xogando na categoría de bronce co Compos, atopándose coas fichaxes doutros “veciños”: o malpicán Manu Casal e o cabanés Mino, aínda que este en xaneiro ficharía polo At. Arteixo. O equipo ascende de categoría, pero non van contar con el para xogar na 2ª División e é cedido ao Burgos da 2ª B (2002-03). No equipo castelán convértese en titular indiscutible e retornapara a temporada seguinte ao Compostela, que fora descendido administrativamente á 2ª B polos problemas económicos que arrastraba. Na pretemporada o equipo santiagués visita a vila de Muxía para xogar o prestixioso trofeo Manolo Martín fronte ao Real Madrid B, no que formaron xogadores que habían triunfar no fútbol español como Arbeloa, Mejía, Juanfran, Soldado ou Riki. Os problemas económicos seguiron latentes no equipo compostelán, no que figuraba tamén o porteiro cabanés Felipe, e descenderon á 3ª División.

Anxo, acabada a temporada, abandona a disciplina compostelanista para seguir xogando na categoría de bronce e ficha polo CD Ourense, no que se converte en titular fixo. Este ano (2004-05), ademais, gaña o premio Xogo Limpo da Xunta de Galicia, pola súa acción no partido fronte ao Celta B, no que tirou o balón fóra cando se encontraba diante da portería co meta Sergio lesionado. Botaría no club ourensanista as seguintes tres temporadas, todas na 2ª B, sendo a última delas, a 2007-08, o seu mellor ano, converténdose no máximo goleador do equipo (9 goles); pero a pesar diso o equipo descendeu.

Na temporada 2008-09 Anxo emigra e vai fichar pola AD Ceuta da 2ª B, no que non goza de moitas oportunidades, polo que ao ano seguinte volve a Galicia e ficha polo Racing Vilalbés da 3ª División. Pero no mes de xaneiro sáelle unha nova oferta da 2ª B e asina polo CF Villanovense estremeño, co que non pode evitar o descenso á 3ª División.

Na temporada 2010-11 xogará nun equipo costeiro, no Santa Comba CF da 3ª División, pero Anxo deixara moi bos recordos en Villanueva de la Serena, e na tempada 11-12, co equipo de novo na 2ª B volve o de Laxe para terras estremeñas. E alí leva cinco campañas (catro delas en 2ª B e unha en 3ª), sendo un dos seus xogadores máis decisivos e un dos máis queridos pola afección. “Es el Messi del Villanovense”, afirmaba hai uns días Pepe Cuevas, director deportivo do equipo estremeño nas páxinas do xornal Sport.

Anxo disputalle un balón a Vermaelen-Foto-M Montilla de El Mundo Deportivo

Este mércores Anxo tivo a oportunidade de enfrontarse a un dos clubs máis grandes do mundo e de pisar un dos campos máis grandes do mundo, e Anxo, “o Mago de Laxe”, seguro que xogou coa mesma ilusión coa que disputou, sendo un neno, o seu primeiro partido no campo do Balsiño.

  • Xosé Mª Rei Lema e Xosé Mª Lema Suárez.

Novas relacionadas

Artigos relacionados sobre a historia do Fútbol da Costa

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).