Arrincou con esperanza o proxecto dos equipo feminino dos Miúdos

11 bravas uníronse en Muros á primeira chamada do equipo feminino dos Miúdos, que contou co apoio do Depor ABANCA

Co esperanzador anuncio da FGF de apostar por unha Copa da Costa Feminina, comeza na bisbarra o primeiro proxecto de fútbol 11 feminino. Se ben xa sabemos que a Costa é toda unha potencia en materia de Fútbol Sala Feminino, e que xa está en marcha o Combinado feminino da Costa, é a familia de Os Miúdos a que se lanza por un equipo feminino de F11.

Os Miúdos de Fútbol feminino conta co apoio do Concello de Muros

Esta pasada fin de semana foi a posta de longo. Houbo unha presentación no Concello, na que contaron coa colaboración municipal, e coa xente do Depor ABANCA. “Teño que destacar a cercanía e a profesionalidade da xente do Depor ABANCA, Manu Sánchez, Miriam e Alba Rodríguez, que estiveron como si do seu propio equipo se tratara... un luxo para nós”, recoñecía Fran Figueroa, un dos seus promotores.

Pola tarde, tocou estrear o céspede do Eleuterio Balayo. Para algunha das 11 bravas que acodiron a esta primeira chamada era a primeira vez que calzaban as botas de tacos, pero as gañas por xogar sobre o verde poden superar calquera obstáculo.

Parece ademais que hai unha boa base para ter un equipo compensado, e xa están pensando na vindeira cita do sábado 8 no campo de Agra da Filgueira de Louro, onde agardan que o boca a boca provoque que sexan máis rapazas as que se unan a este proxecto. A última fase desta primeira fornada de sesións será o sábado 15 no Xosé Luís Vara de Esteiro, e a este ritmo semella que xa poderán facer un partido de 11 contra 11.

Toca tamén comezar a buscar apoios dos concellos da contorna e dos negocios, pero esta fermosa aposta por un fútbol feminino en imparable crecemento fai ser máis que optimistas.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).