Case un quilo do primeiro reo campano da tempada de pesca na Ponte do Porto

Segue a Costa da Morte afianzándose un referente en materia de pesca de ríos. Despois do exitoso Open Río Xallas, co máis granado da pesca internacional, toca abrir os cotos da zona, como o da Ponte do Porto. E de que maneira, pois como nos conta o colectivo PX, foi Antonio Mira Vidal de Pasarela o que logrou pescar o primeiro reo da tempada no coto camariñán.

O exemplar saíu ao segundo día, ás 12,30 horas do sábado, e pesou na báscula 800 gramos. Aos dez minutos o seu compañeiro José Antonio Gómez Ponteroda de Vimianzo sacou o segundo reo, neste caso un exemplar de 600 gramos. Desde fai seis anos o pescador que captura o primeiro reo recibe unha cunca de caldo de riola, unha peza de cheiraría de Buño, premio establecido pola agrupación ecoloxista PX. Un mozo de Dumbría foi o ganador o ano pasado.

O coto porteño abarca 4 quilómetros, deles boa parte vedados, nas parroquias de Ponte do Porto e Carantoña, atravesando terreos dos municipios de Camariñas e Vimianzo. No coto pesqueiro de do río Grande do Porto a campaña de pesca fluvial iníciase cun mes de atraso con respecto á oficial debido á presenza de salmónidos. Na zona adóitanse capturar troita, reos e tamén robalizas. En xeral as capturas de troita e reo son aceptables pero os pescadores quéixanse de que hai moitos exemplares que non dan a talla legal.

Novas relacionadas

Fonte

  • Colectivo PX.