E o Presidente da Federación pasou polos campos da Costa

Rafael Louzán cos responsables da Esteirana e dos Miúdos

Este martes o presidente da Federación de Fútbol, Rafael Louzán, co que falabamos a semana pasada, realizou unha completa visita polos campos de fútbol da comarca, ratificando a súa intención de coñecelos de primeira man para proceder a mellorar as instalacións e mesmo pensar en poder realizar algún campionato de seleccións á zona.

”Quedamos gratamente sorprendidos pola calidade de moitas das instalacións como a de Esteiro, Louro, Dumbría… Ademais estivemos analizando a infraestrutura hoteleira da zona para estudar a posibilidade de traer un campionato de alto nivel, e creo que a medio curto prazo si se poderá”, asegurábanos onte pola tarde o presidente. Recoñeceu que pola orografía hai campos onde é difícil mellorar as instalacións como Muros ou Corcubión, pero “outros campos como Ara Solis, con esa afección, si que sería bo melloralos”.

Rafael Louzán no Conco con César Ferrío e Manolo López

Louzán, acompañado polo directivo Amancio Varela, o director deportivo Manu Fernández, e por Manolo Corredoira, xa oficialmente responsable federativo na Delegación da Costa (que por certo, se inaugura o vindeiro día 16), visitou os campos da Esteirana, Os Miúdos, Montelouro, Corcubión, Fisterra, Fisterra, Cee, Dumbría, Baio e Zas, e foi recibido polos seus presidentes.

”Viñemos ver e tamén a escoitar aos clubs, e se nos dixeron a verdade, a primeira impresión é boa. É impagable o traballo que eles fan e o cariño co que nos reciben. Pola mañá comprobamos o vén que traballan as xentes de Esteiro e Louro, e por exemplo o que fai o presidente dos Miúdos tamén a nivel ONG é espectacular, é un traballador nato”, contounos.

A realidade é que no Fútbol da Costa, só ver que un Presidente dunha entidade se deixa ver pola zona xa parece unha boa nova.

Louzán cos responsables do Corcubión no Cubaleiro
A expedición federativa en Agra da Filgueira, Louro

Visita especial a Fisterra

Tinte emotivo tivo a a visita a Fisterra dado o durísimo momento que vive o club ante a grave situación do seu presidente. A expedición da federación quixo dar ánimos aos directivos e que estes os trasladen á familia do presidente do club.

A visita fisterrá foi máis emotiva

Presentación da Sede

Tamén visitaron Louzán e os seus acompañantes as instalacións da nova sede federativa da Costa en Baio. Unha sede que será oficiamente presentada o vindeiro luns 16 de xaneiro, onde ademaos se fará entrega do material da Federación aos clubs.

A expedición da Federación coa presidenta do UC Cee no San Paio de Refoxos

A Copa

Tremendamente interesado na Copa da Costa amósase Louzán, que repetiu que “imos volver, tamén pensando en sentarnos con todos os clubs e organizar a Copa ben organizada. Non só a dos maiores, tamén a da base”, apuntou.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).