Máis de 600 xogadores de balonmán cítase esta Semana Santa no Carballo Handball Festival

As Escolas Balonmán Xiria, co apoio do concello, Carballo Deporte, Carballo a un paso e Conservas Calvo, organizan a terceira edición do Carballo Handball Festival. Un torneo internacional no que participarán as mellores canteiras do balonmán galego e outras que son referencia no balonmán español e de Portugal. Da entidade do evento, que este ano dá un ambicioso salto de calidade, falan os números: 660 participantes entre xogadores e adestradores, 15 clubs e 57 equipos das diferentes categorías, tanto femininas como masculinas, benxamín, alevín e infantil. Nos pavillóns Vila de Noia, Carballo Calero e o do CEIP Fogar disputaranse centos de partidos entre o 13 e o 15 de abril, en horario continuo desde as 9:30 ás 22 horas. Participantes O Atlético Novás (O Rosal), Balonmán Rasoeiro (O Grove), Balonmán Lucus (Lugo), Balonmán Xallas (Santa Comba), Luceros (Cangas do Morrazo), Balonmán Cisne (Pontevedra), Balonmán Rodeiro (Lalín), Teucro (Pontevedra) e Escolas Balonmán Xiria serán os encargados de representar Galicia. Por Asturias xogarán o Club Balonmano La Calzada (Gijón), Balonmano Ribadesella, Balonmano Oviedo Femenino y Agrupación Balonmano Gijón Jovellanos. Dende Cataluña chega o Handbol Sant Joan Despí (Barcelona) e de Portugal a associação Académica de São Mamede.
Marcos Trigo, Fernando Vázquez e Xosé Regueira presentaron onte o Carballo Handball Festival     O torneo presentouse onte nun acto no que participaron os concelleiros de Deportes - Marcos Trigo - e de Turismo - Xosé Regueira -,ademais de Fernando Vázquez, en representación das Escolas Balonmán Xiria. Vázquez dixo que a celebración do Handball Festival é para “congratularse, e máis nesta ocasión, pois falamos da edición máis ambiciosa”. “Queremos e debemos seguir medrando, e por iso esta é tamén a edición máis numerosa en canto a xogadores, técnicos, clubs e equipos participantes”. “Outro dos motivos para alegrarse”, engadiu, “é a presencia no festival de tres clubs de balonmán netamente feminino; tres clubs, ademais, moi importantes a nivel nacional, como son o Balonmano Oviedo, o Balonmano La Calzada, que representa á máxima categoría do balonmán español, e o Balonmano Ribadesella”. Sobre a cantidade de equipos que se citan do xoves ao sábado nos pavillóns carballeses, Vázquez deu un dato elocuente: “O xoves, e só na categoría alevín, xogaranse 56 partidos”. Pola súa banda, Trigo recoñeceu o orgullo que é para o concello que un club como Xiria, que centra todos os seus esforzos nas categorías inferiores, vexa como se vai consolidando o festival, “un escaparate onde se van ver as mellores canteiras de Galicia, o resto do estado e Portugal, e onde se vai desfrutar a festa do balonmán”. Regueira defendeu a aposta de Carballo polo turismo relacionado co deporte. “Cada concello”, dixo, “ten que buscar o seu nicho de dinamización de sector, e dentro dos moitos que busca o Concello de Carballo está o turismo que ten que ver coas actividades deportivas, e, por sorte para nós, na nosa vila son moitas as actividades implicadas no deporte a un nivel moi alto e conseguen que a Carballo veñan habitualmente moitísimas persoas”. “No caso do Handball Festival xa dou moi bo resultado nas dúas edicións anteriores, e neste, como xa dixo Fernando, ao medrar o torneo medra tamén a expectativa de aloxamento, algo que, por suposto, a nosa concellería sempre, loxicamente, busca”. Sobre os problemas de atopar hospedaxe nestas datas en Carballo, Regueira admitiu: “Cónstannos e sabemos que é moi difícil que as persoas que se desprazan á nosa localidade en Semana Santa encontren aloxamento, pero eu creo que é unha boa noticia para o sector”. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Carballo