venres. 09.05.2025
El tiempo

Máis de 600 xogadores de balonmán cítase esta Semana Santa no Carballo Handball Festival

Máis de 600 xogadores de balonmán cítase esta Semana Santa no Carballo Handball Festival
As Escolas Balonmán Xiria, co apoio do concello, Carballo Deporte, Carballo a un paso e Conservas Calvo, organizan a terceira edición do Carballo Handball Festival. Un torneo internacional no que participarán as mellores canteiras do balonmán galego e outras que son referencia no balonmán español e de Portugal. Da entidade do evento, que este ano dá un ambicioso salto de calidade, falan os números: 660 participantes entre xogadores e adestradores, 15 clubs e 57 equipos das diferentes categorías, tanto femininas como masculinas, benxamín, alevín e infantil. Nos pavillóns Vila de Noia, Carballo Calero e o do CEIP Fogar disputaranse centos de partidos entre o 13 e o 15 de abril, en horario continuo desde as 9:30 ás 22 horas. Participantes O Atlético Novás (O Rosal), Balonmán Rasoeiro (O Grove), Balonmán Lucus (Lugo), Balonmán Xallas (Santa Comba), Luceros (Cangas do Morrazo), Balonmán Cisne (Pontevedra), Balonmán Rodeiro (Lalín), Teucro (Pontevedra) e Escolas Balonmán Xiria serán os encargados de representar Galicia. Por Asturias xogarán o Club Balonmano La Calzada (Gijón), Balonmano Ribadesella, Balonmano Oviedo Femenino y Agrupación Balonmano Gijón Jovellanos. Dende Cataluña chega o Handbol Sant Joan Despí (Barcelona) e de Portugal a associação Académica de São Mamede. carballo-handball-festival Marcos Trigo, Fernando Vázquez e Xosé Regueira presentaron onte o Carballo Handball Festival     O torneo presentouse onte nun acto no que participaron os concelleiros de Deportes - Marcos Trigo - e de Turismo - Xosé Regueira -,ademais de Fernando Vázquez, en representación das Escolas Balonmán Xiria. Vázquez dixo que a celebración do Handball Festival é para “congratularse, e máis nesta ocasión, pois falamos da edición máis ambiciosa”. “Queremos e debemos seguir medrando, e por iso esta é tamén a edición máis numerosa en canto a xogadores, técnicos, clubs e equipos participantes”. “Outro dos motivos para alegrarse”, engadiu, “é a presencia no festival de tres clubs de balonmán netamente feminino; tres clubs, ademais, moi importantes a nivel nacional, como son o Balonmano Oviedo, o Balonmano La Calzada, que representa á máxima categoría do balonmán español, e o Balonmano Ribadesella”. Sobre a cantidade de equipos que se citan do xoves ao sábado nos pavillóns carballeses, Vázquez deu un dato elocuente: “O xoves, e só na categoría alevín, xogaranse 56 partidos”. Pola súa banda, Trigo recoñeceu o orgullo que é para o concello que un club como Xiria, que centra todos os seus esforzos nas categorías inferiores, vexa como se vai consolidando o festival, “un escaparate onde se van ver as mellores canteiras de Galicia, o resto do estado e Portugal, e onde se vai desfrutar a festa do balonmán”. Regueira defendeu a aposta de Carballo polo turismo relacionado co deporte. “Cada concello”, dixo, “ten que buscar o seu nicho de dinamización de sector, e dentro dos moitos que busca o Concello de Carballo está o turismo que ten que ver coas actividades deportivas, e, por sorte para nós, na nosa vila son moitas as actividades implicadas no deporte a un nivel moi alto e conseguen que a Carballo veñan habitualmente moitísimas persoas”. “No caso do Handball Festival xa dou moi bo resultado nas dúas edicións anteriores, e neste, como xa dixo Fernando, ao medrar o torneo medra tamén a expectativa de aloxamento, algo que, por suposto, a nosa concellería sempre, loxicamente, busca”. Sobre os problemas de atopar hospedaxe nestas datas en Carballo, Regueira admitiu: “Cónstannos e sabemos que é moi difícil que as persoas que se desprazan á nosa localidade en Semana Santa encontren aloxamento, pero eu creo que é unha boa noticia para o sector”. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Carballo

Comentarios