O dumbriés Iván Cernadas pesca o primeiro reo da tempada no coto da Ponte do Porto

O coto de Ponte do Porto abre un mes máis tarde que a campaña piscícola nos ríos da provincia porque na súa canle hai reos de marea e salmónidos. O grupo ecoloxista PX de Ponte do Porto vén entregando desde fai cinco campañas ao pescador que consiga o primeiro reo da tempada un trofeo, unha “cunca de caldo de riola”, o prato gastronómico local, feito en barro de Buño.

Este ano o galardón foi para Iván Cernadas Ameijeiras, natural do lugar de Salgueiros, en Dumbría, que capturou ao luscofusco un reo que deu a medida, 35 centímetros, pero que tiña un peso alto, 400 gramos.
Iván Cernadas é membro da sociedade de pesca deportiva Neria de Vimianzo que este domingo enviará a varios representantes ao campionato provincial de mosca en Santa Comba. O ano pasado o concurso foi declarado deserto, xa que non saíu un reo de medidas reglamentarias nas dúas primeiras semanas.

En anteriores edicións a cunca foi para Vimianzo, obtida por Manuel Veciño Valiña, Jesús Valiña e Bruno Carballo. Este reo campano ou primeira captura da tempada denomínase no argot marinero da zona “alisto”.

Nova relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa de PX.