Os árbitros da Costa comezan a temporada oficial

Varios dos árbitros da Costa en San Lázaro Chega o mes de setembro e o fútbol volve aos terreos de xogo, tamén para os colexiados. Despois dunha intensa pretemporada nas instalacións deportivas de Baio (tamén con xornadas de campo nos terreos de xogo de Nantón e Vimianzo) varios árbitros costeiros, á espera do comezo das ligas da Costa, participarán esta próxima fin de semana nos seus primeiros encontros oficiais da temporada 2018/2019. Os catro colexiados da Subdelegación da Costa que dirixen partidos de categoría galega (Bruno Méndez en Terceira División, e Marcos Ordóñez, Pablo Rama e Rubén Reborido en Preferente Galicia) superaron con éxito as probas físicas e técnicas de comezo de temporada do CTGAF que tiveron lugar en Santiago de Compostela hai un par de semanas, e están xa preparados para comezar a temporada oficial. O primeiro en debutar será o carballés Pablo Rama, quen afronta a súa quinta temporada na categoría dirixindo nesta segunda xornada da Preferente Galicia un interesante Boimorto-Xallas. Estará auxiliado por dous colexiados da Subdelegación da Costa, David Castreje e Carlos Señarís. En Primeira Galicia dispútase esta fin de semana a primeira xornada da temporada, e haberá tamén presenza costeira. O camariñán Alberto Baña dirixirá no campo de fútbol da Grela 1 o Victoria-Cedeira, auxiliado nas bandas por David Cancela e Iván Ferreiro. O fisterrán Luis Insua, pola súa parte, dirixirá no Conco o primeiro partido do recén descendido Dumbría, acompañado por José Ageitos e Rai Reborido. Tres tríos costeiros para tres partidos de máximo nivel nesta primeira fin de semana de setembro na que o fútbol comeza a rodar con máxima intensidade.

Óscar Martínez Santos, un referente

Aínda que non forma parte da Subdelegación da Costa, o colectivo arbitral costeiro ten sempre un ollo no compañeiro Óscar Martínez Santos. Colexiado da Delegación de Santiago, pero con raíces na Costa da Morte, de onde é orixinario, afronta a súa quinta temporada en Segunda División B, e esta fin de semana debuta tamén na temporada 2018/2019 viaxando a terras asturianas para dirixir o Real Oviedo B – UP Langreo. Como cada semana, todas as designacións arbitrais da RFGF, categoría a categoría, en www.futgal.es. Aquí, en QPC, tamén as recolleremos nas Previas de cada venres, e en www.futboldacosta.com teredes sempre os horarios actualizados.

Máis información

www.futboldacosta.com