Os árbitros da Costa comezan a temporada oficial
10:34 31/08/18
Varios dos árbitros da Costa en San Lázaro
Chega o mes de setembro e o fútbol volve aos terreos de xogo, tamén para os colexiados. Despois dunha intensa pretemporada nas instalacións deportivas de Baio (tamén con xornadas de campo nos terreos de xogo de Nantón e Vimianzo) varios árbitros costeiros, á espera do comezo das ligas da Costa, participarán esta próxima fin de semana nos seus primeiros encontros oficiais da temporada 2018/2019.
Os catro colexiados da Subdelegación da Costa que dirixen partidos de categoría galega (Bruno Méndez en Terceira División, e Marcos Ordóñez, Pablo Rama e Rubén Reborido en Preferente Galicia) superaron con éxito as probas físicas e técnicas de comezo de temporada do CTGAF que tiveron lugar en Santiago de Compostela hai un par de semanas, e están xa preparados para comezar a temporada oficial.
O primeiro en debutar será o carballés Pablo Rama, quen afronta a súa quinta temporada na categoría dirixindo nesta segunda xornada da Preferente Galicia un interesante Boimorto-Xallas. Estará auxiliado por dous colexiados da Subdelegación da Costa, David Castreje e Carlos Señarís.
En Primeira Galicia dispútase esta fin de semana a primeira xornada da temporada, e haberá tamén presenza costeira.
O camariñán Alberto Baña dirixirá no campo de fútbol da Grela 1 o Victoria-Cedeira, auxiliado nas bandas por David Cancela e Iván Ferreiro. O fisterrán Luis Insua, pola súa parte, dirixirá no Conco o primeiro partido do recén descendido Dumbría, acompañado por José Ageitos e Rai Reborido.
Tres tríos costeiros para tres partidos de máximo nivel nesta primeira fin de semana de setembro na que o fútbol comeza a rodar con máxima intensidade.