De tódolos conxuntos de Preferente e Primeira Autonómica que representan á Costa, só o Sofán foi quen de sacar unha victoria
O San Lorenzo remontou ao final fronte ao Cerqueda - Foto: UD Cerqueda
Engadamos ao panorama costeiro un hilo musical de Ennio Morricone, e mudemos o humor negro e ás veces soez de Tarantino pola retranca galego-costeira. Ben se podería chamar á película dun xeito parecido á nova do director americano: Os odiosos oito (no que a resultados esta vez se refire). O Sofán foi a única excepción de entre tódolos equipos de categorías superiores que sacou adiante o seu partido, o que leva tamén a preguntarse pola situación real do balompé propio nun contexto provincial.
Manteñamos a música de Morricone un pouco máis, porque non tódolas non victorias son sinsabores. O bo deses resultados pode dicir que foi o dun Dumbría na súa mellor versión do curso, que ademais recuperou o gol e mereceu máis contra un rival top e traballado coma o Sporting Sada. O feo, tamén cun punto sumado pero unha sensación desconcertante, foi que o Malpica, esta vez inspirado de cara a gol, marcase catro goles e non gañase fronte ao Lesende. Iso si, parece que as novas incorporacións teñen dado un salto cualitativo aos bergantiñáns. E o malo, polas tendencia dos últimos choques, foi o pinchazo do Soneira en Tordoia, que axusta un pouco máis a cabeza e confirma un pequeno estancamento dos vimianceses.
Cambia a faciana cando se pasa a unha Liga da Costa donde tamén hai que falar dun pelotón de sete, non de oito, no que esta vez o mazazo levouno o Mazaricos, ao que se lle escapou a victoria en Esteiro. Sufriu para manter o liderato o Sporting Zas, que venceu con problemas en Buño. Os de San Andrés ven polo retrovisor como veñe lanzado un FIsterra que suma xa oito triunfos seguidos e que machacou ao Castriz, último agora dese grupo de aspirantes. Por abaixo non dan síntomas de mellora Carnota e Cabana, que a pesares de sumar entre os dous dezasete puntos aínda están moi vivos na pelexa pola salvación.
Vergonza é a palabra para definir o que sucedeu na Terceira, pero coa mirada posta nunha insensible Federación, que a pesares de contar co OK do Lira negou a suspensión do partido entre estes e o Monte Louro, que sufría na previa o falacemento do pai do técnico, Caluso. A xustificación, non tratarse dun xogador ou directivo. No estrictamente deportivo parecen poñerse de acordo Corcubión e Laxe para pinchar, todo un pracer precisamente para o Louro.
As táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com. Piquen dende o seu teléfono e pulsen “Engadir a pantalla de inicio”, para ter sempre os resultados no peto.