Pretempada de presentacións, amistosos e Copa do Mundo
09 de agosto de 2011 (09:30 h.)
En Malpica
Botámoslle unha ollada brevemente á actualidade do fútbol da Costa. E comezamos en Malpica, xa que este xoves van contar coa Copa do Mundo como convidada de excepción.
Xa vimos o paso do trofeo por Camariñas e este xoves, 11 de agosto, vai estar na vila malpicá. Quen desexe velo, deberá achegarse ata a carpa que estará instalada na Praza Anselmo Villar Amigo, en horario de 11:00h a 21:00h.
Sen saír aínda de Malpica, temos que dar conta das fichaxes da SCD Malpica para a vindeira tempada. Os novos serán Charro e Alfredo, procedentes do Ponteceso, Rancaño, do Lamela, Pablo dende o Atlético Arteixo, David Álvarez chegado dende os xuvenís do Bergantiños, Daniel, procedente do fútbol de peñas, Dani do Encrobas, Avelino, vello coñecido dos malpicáns que retorna, e Oscar Moscoso, chegado dende o Buño.
No que se refire ás baixas no conxunto malpicán, estiveron compostas por David Blanco, que marcha ata o Santa Comba, Ismael e Miguel Dourado, para o Buño, Eloy para o Baio, Viña por lesión e Diego porque se retirou.
En Fisterra
Por outra banda, na vila do Cristo veñen de confirmar a fichaxe do primeiro xogador non nado en Fisterra para a vindeira tempada. Trátase de Gustavo Mesías, de orixe corcubionesa.
Gustavo desenvolveu toda a súa vida futbolística no conxunto do Corcubión. Foi o seu capitán durante moitos anos, e logo de tomar un ano sabático, decidiuse a fichar polo Fisterra. Xoga principalmente de defensa central, aínda que pode alternar coa posición de mediocentro defensivo.
Dende o conxunto fisterrán agardan que Gustavo sexa quen de amosar a súa valía, tanto en aspectos defensivos como marcando goles de falta directa.
En Ponteceso
Dous amistosos xogará o Ponteceso esta semana. O primeiro será o venres 12 en Baio fronte aos locais dende as 21:00h. O segundo, o domingo 14 en Ponteceso fronte ao Soneira dende as 19.00h.
En Laxe
E xa por último, a última hora do fútbol da Costa lévanos ata Laxe, xa que o vindeiro sábado, 13 de agosto, ás 19:00h, xogarase o I Trofeo Rogelio Martínez co gallo das festas patronais da vila laxense. Hai que apuntar que o máis probable é que non haxa festas.
Na cita enfrontaranse o Laxe e o Laracha, é dicir, un equipo que milita en 3ª autonómica, contra outro que o fai en Rexional Preferente.
Rogelio Martínez foi directivo do Laxe durante 26 anos. Ocupou postos en todas as partes do clube. Foi dende presidente ata utilleiro. Martínez tamén foi o artífice de que o Laxe puidera xogar en campos alleos nos tempos nos que non había campo na vila. Con Martínez, o Laxe gañou as dúas Copas da Costa que posúe, ante Baio e Camariñas.
Anteriormente, ás 16:15h horas haberá un amistoso entre o Laxe e o Bergantiños B de xuvenís.
Novas relacionadas
- A Langosteira prepárase para a Iª Travesía Kitesurf Costa da Morte.
- Esteiro acollerá un campionato de volei.
- Maratón de futbolín da U. D. Cerqueda.
Fonte
- Notas de prensa do Malpica, do Laxe, do Ponteceso e do Fisterra.