Rubén xa ten o libro da Historia do Futbol da costa
Continúa a chamada “enciclopedia do fútbol da Costa” espallándose pola península. O último que está a lela é o porteiro do Levante U.D., o coristanqués Rubén Martínez, que recibiu de mans do mozo valenciano José Ángel Peris un exemplar do do libro “50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014)”, da autoría de Xosé Mª Rei e Xosé Mª Lema. A entrega tivo lugar horas antes do partido do Levante contra o Real Madrid, o pasado 2 de marzo.
”Xogadores con proxección exterior”
Peris, que no tempo que estivo en Galicia acudiu a moitos partidos do C.D. Baio, do que segue sendo seguidor, estivo vendo co porteiro natural de Coristanco as páxinas onde os autores falan da súa traxectoria deportiva, contemplada nesta “enciclopedia do fútbol da Costa” dentro do apartado “Xogadores con proxección exterior”.
Xunto con outros citados no libro (Cabrejo, Anxo, Noé, Pesca, Manuel Filgueira –que tamén xogara no Levante-, sen que tampouco falte Angeliño, a promesa coristanquesa do Manchester City inglés) Rubén é un destes futbolistas triunfadores, pois sendo un adolescente de 13 anos xa marchara para La Masía, a mítica canteira do F.C. Barcelona, onde se formou (compartiu vestiario con Messi e Iniesta).
Foi porteiro suplente do primeiro equipo barcelonés, por detrás de Víctor Valdés e Jorquera, e chegou a xogar tamén de titular: “Debutei no Barça como titular con Frank Rijkaard de adestrador, nun partido contra o Levante, precisamente, que gañamos 2-1; foi en decembro de 2004”, lembráballe a Peris na conversa con certa nostalxia).
Despois de ler a dedicatoria dos autores nas primeiras páxinas do libro, na que se fai fincapé na súa querenza pola S.D. Coristanco e polo Bergantiños e, así mesmo, polo uso do idioma galego nas sucesivas declaracións a La Voz de Galicia-, botou unha ollada ás páxinas nas que se vai seguindo o seu historial. Detívose sobre todo nas fotos da S.D. Coristanco, nas que recoñeceu a varios dos seus amigos e compañeiros que xogaran con el na infancia.
Ó saber que o venres día 11 vai ser a presentación do libro en Coristanco, desexoulles ós autores moito éxito entre os seus paisanos e tamén lles encargou un saúdo da súa parte a todos os asistentes. Nesta presentación os autores farán lectura da dedicatoria que lle fixeron ó meta do Levante U.D., un dos triunfadores do fútbol da Costa, pois ademais deste equipo e do Barcelona, tamén xogou como titular en varios equipos de 2ª e 1ª División: Cartagena, Almería, Málaga e Rayo Vallecano, entre outros.
Presentación en Coristanco
A presentación será o día 11 ás 21:00 da noite na Casa da Cultura de Coristanco (na Rúa da Pataca), organizada polo Concello. Fará a presentación o laureado adestrador coristanqués José Antonio Moreira, e os autores darán unha breve charla sobre “O fútbol no concello de Coristanco”.
Novas relacionadas
- Lema Suárez e Chema Rei repasarán a historia dos SD Coristanco, Erbecedo, Agualada, Alcaián e Seavia.
- Sermos repasa os 50 anos do Fútbol da Costa co libro de Chema Rei e Lema Suárez.
- “Entre todos creamos do Fútbol da Costa unha lenda. Que morran de envexa”.
- Unha viaxe polos 50 anos do Fútbol da Costa.
- O libro Mar de Paixón nace percorrendo ducias de anécdotas sobre a historia do Fútbol da Costa.
Artigos relacionados sobre a historia do Fútbol da Costa
- Héctor Pose: Un árbitro á sombra dun rododendro.
- Lema Suárez: A curiosa prehistoria do fútbol da Costa daqueles anos vinte.
- Chema Rei: Aqueles anos no Balsiño.
- Xosé María Lema Suárez: O 12 de abril, a data exacta dos 50 anos da Liga da Costa.
- Xosé María Lema Suárez: O ascenso, a celebración ideal do cincuentenario do C.D. Baio.
- Xosé María Lema Suárez: A repercusión mediática do libro do Baio e Liga da Costa (II).
- Xosé María Lema Suárez: A repercusión mediática do libro do Baio e Liga da Costa.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
- La Voz.