Xa temos Oitavos da Copa da Costa

Xa temos Oitavos da Copa da Costa 2013, que xa segue paralela á Copa Xuvenil e á Copa de Veteranos, e das que tendes os cadros en www.copadacosta.com.
Unha Copa da Costa que cumpre 50 anos, como nos demostran os bravos da Cherinkas co seu vídeo homenaxe, e que este curso en QPC vén patrocinada por Senra Sport.

E ben intensa que foi esta eliminatoria a partido único de Dezaseisavos, nas canchas dos equipos pequenos... con todos os alicientes dunha auténtica Copa!! Expulsións, remontadas, prórrogas, retidaradas do campo...


Superou o Carnota a un Baíñas que aguantou moi ben 45 minutos, mesmo igualando o gol inicial dos de Cambeiro, pero que se viu con 3 expulsións no último cuarto de hora, rematando o choque antes de tempo.
Algo semellante pasou no Cerqueda-Alcaián, cando xa na prorroga tralo 0-0, Martínez e Diego de penalti asinaban dous goles para os locais, e o Alcaián se retiraba do campo tras sufrir outras 3 expulsión.

Contra o Carnota xogará un Sofán que sorprendía a unha Esteirana reservándose para a Liga. Comezaba como un tiro a SD e mandaba dous balóns ao pao antes de asinar un claro 0-3 na primeira metade, por medio de Suso Docampo en dúas ocasións e Iván Rey. Boedo facía o cuarto nunha segunda que se deixou ir.

O Dumbría non tivo piedade dun Cee que non pode salvar a regular tempada ca Copa. Aarón López, Bruno e DaniCasal asinaron o 0-3.
En fronte, e nunha das eliminatorias máis bonitas de ver estará o Corme, tras vencer, con dous golazos de Lucas, ao Castriz.

O que tampouco perdoou a súa superioridade foio Xallas de Santa Comba. O Nantón foi un digno rival, pero a diferencia de categoría fíxose patente. Óscar coa axuda dun defensa, Pablo Baña, Doro, Javi Suárez e Rubén Forján completaron a goleada. Os de Corredoira recibirán ao Fisterra, que vencía por 0-2 en Mazaricos con goles de Roco e Aitor, ante un cadro amarelo que xogaba como nunca e caía coma sempre.

A outra eliminatoria do primeiro lado do cadro será o Baio-Lira. Os baeses superaban ao Cabana con dous tremendos goles olímpicos de Alberto e un de Chistian, mentres que o Lira vencía ao Castrelo por 0-2 cos goles de Fran Perico e Suso Perico de penalti.

Unha das poucas sorpresas da xornada protagonizouna o Laxe, pero xa todo nos podemos esperar deste equipo en alza. Os laxenses, cun Samuel inspirado, superaba ao Camelle, que vén de completar a súa peor semana do ano tras caer na liga ante o Porteño e case despedirse do ascenso directo. En fronte, o Laxe terá ao Camariñas, que sufría para superar ao Coristanco na Rocheira cun solitario gol de Alex.

O Porteño gañaba cun solitario tanto de David Toja ao Corcoesto e o Soneira non tiña piedade do Buño e o eliminaba cos tantos de Maakay, Cristian Figueroa e Basti.

Ademais, o Zas remontaba o gol inicial do Corcubión e cos tantos de Lagoa de falta, Ismael e Braulio daban a volta ao marcador. Os de manolín apretaron de novo co 2-3 pero non foron quen de iguala contenda. En fronte do Zas estará todo un Malpica que sufría para superar a un gran Independiente de Carballo, que tras certificar o seu ascenso soñaba cun papel máis completo na Copa.

E a última eliminatoria será o Cerqueda-Ponteceso. Xa contamos o que acontecía en Cerqueda, mentres que o Ponteceso non fallaba en Arliña e endosaba un claro 0-3.

Os Oitavos

A seguinte rolda, a de Oitavos, xa a doble partido, queda para as fins de semana do 19 e 26 de maio, unha vez que rematen o groso das competicións ligueiras. E todos xa cun ollo na gran Festa do Fútbol da Costa, a Final de Copa, que este ano, por fin, será tamén a un só partido. A cita, o 30 de xuño, para entrarmos no verán con gusto.

Máis información

Novas relacionadas

Crónicas da semana

Artigos relacionados

Fonte

  • Redacción de Deportes de QPC (deportes@quepasanacosta.gal).