O BNG de Dumbría solicita un espazo reservado de aparcamento para a farmacia do Ézaro
O BNG de Dumbría vén de solicitar ao goberno municipal que faga as xestións necesarias para que se habilite un espazo reservado de aparcamento para as persoas que acudan en vehículo á farmacia do Ézaro. O voceiro dos nacionalistas, Xaime Trillo, realizou un rogo neste sentido no último pleno ordinario da corporación, celebrado o pasado xoves, 3 de xullo.
Trillo afirmou que “é moi necesario que se teña en conta a proposta, porque moitas veces os usuarios ou usuarias da farmacia do Ézaro vense na obriga de aparcar os seus coches en lugares que quedan lonxe da mesma”. Unha situación, segundo o portavoz do BNG, que se agrava na época do verán coa afluencia de turistas.
Máis propostas
O voceiro da formación nacionalista tamén aproveitou a sesión plenaria para pedir ao alcalde que se arranxe o camiño que vai entre Busto e As Neves (Buxantes), e o que une As Carizas e Castro ( Dumbría). Así mesmo, o BNG informou que no cruce da estrada que vai da C-552 a Sábade (Berdeogas), as raíces dunha árbore invadiron a calzada, e rogou que se aparte a mesma e se arranxe o tramo danado.
Por último, Xaime Trillo criticou que o Concello colabore en eventos nos que non se usa o idioma galego, como ocorreu no IV Cross Country, celebrado en Dumbría o pasado 21 de xuño. “Nos carteis aparecía o concello de Dumbría, entendemos que
como patrocinador. Nada que obxectar nese sentido, estamos de acordo. O que non nos parece de recibo e que o Concello participe en actividades que non utilizan a nosa lingua, e rogamos que se lle esixa como premisa innegociable a utilización do galego”, manifestou.