Debullan as obras mellora da eficiencia enerxética na Casa da Cultura de Olveiroa e no local social de Bustelo
Recibía o Concello de Dumbría a visita da delegada da Xunta, Belén do Campo, para destacar as axudas de mellora da eficiencia enerxética da Casa de Cultura de Olveiroa e do local social de Bustelo, grazas a unha achega da Xunta de case 150.000 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental non competitivo, co obxectivo de optimizar as súas condicións construtivas, incrementar a eficiencia enerxética e garantir a súa correcta conservación.
Actuacións na Casa da Cultura de Olveiroa
No caso da Casa da Cultura de Olveiroa, procedeuse ao levantamento das cubertas planas transitables existentes para executar novas cubertas planas transitables adaptadas ás condicións actuais, facendo especial fincapé na corrección das pontes térmicas e nos encontros construtivos que estaban a provocar filtracións.
Así mesmo, substituíuse a cuberta inclinada de pranchas de uralita por unha nova cuberta de aceiro con illamento incorporado, mellorando así o comportamento térmico e a durabilidade do inmoble. Tamén se levou a cabo a substitución da carpintería que presentaba deficiencias e a reposición dos elementos deteriorados.
Melloras no Centro Social de Bustelo
No Centro Social de Bustelo, que presentaba importantes deficiencias no revestimento exterior, executouse un sistema SATE (Sistema de Illamento Térmico polo Exterior) para mellorar o illamento da edificación e a súa eficiencia enerxética.
Ademais, realizouse unha zanxa drenante perimetral co fin de evitar a permeabilidade do terreo cara ao interior do edificio, resolvendo tamén os encontros construtivos que presentaban problemas e que estaban a favorecer a aparición de humidades.