Destacan o investimento de 1,4 millóns do POS en Dumbría
A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos, Cristina García Rey, reuniuse realizou unha visita onte a Dumbría xunto co alcalde, Raúl González e o edil do BNG Xaime Trillo, para presentar o investimento en 2025 do Plan de Obras e Servizos da Deputación, que ascende a 1.391.115 euros.
Deputada, alcalde, e edís da corporación visitaron tamén os traballos de mellora no núcleo do Castro, unha das actuacións que, por un importe de 262.933 euros, o Concello fisterrán está a acometer coa achega do POS+ 2024. Con financiamento do Plan para 2025, Dumbría ten xa outras obras adxudicadas, coma o acondicionamento de beirarrúas en Bustelo e as melloras do núcleo de Olveiroa, do camiño ao monte na Laxe (da parroquia do Ézaro, 61.679 euros), do viario da DP 3404 no límite do concello por Olveira (41.571 euros) e do viario de Filgueira a Santa Uxía e outros (78.883 euros).
Lembraron que dende a implantación deste formato de POS+, xa van máis de 8 millóns de euros investidos polo ente provincial en Dumbría. Segundo a deputada, “sen o Plan Único, moitos concellos non poderían sacar adiante obras estruturais como esta”. “Hoxe”, afirmou, “é o programa máis importante da Deputación e a nosa ferramenta política máis poderosa para transformar o territorio: funciona, dá resultados e chega a toda a xente”.
Pola súa parte, o alcalde destacou o esforzo investidor do goberno provincial, que grazas a instrumentos como o Plan Único permite o financiamento de obras que, doutro xeito, non serían posibles para Concellos como o de Dumbría, de menos de tres mil habitantes.
Exposición fotográfica
As instalacións municipais do Conco acollen a exposición da fotoxornalista Ana García. As fotografías poderán ser visitadas no salón do albergue de peregrinos do Conco ata mediados de decembro.
Nesta selección de imaxes, móstranse tan só algunhas das moitas festividades e romarías retratadas por Ana nos últimos 26 anos.
Son imaxes de considerable valor etnográfico e antropolóxico, que nos achegan ritos e celebracións que constitúen parte da tradición e do ADN da Costa da Morte. Todas as imaxes son en branco e negro, agás unha, a que inmortaliza a Vía Láctea sobre a ermida das Neves (Dumbría).