Dúas persoas teñen que ser excarceradas tras un forte accidente no Carrizal

Accidente grave no Carrizal, Coristanco Está sendo chuviosa e perigosa esta mañá do luns 19 de outubro. Xa ás 8:00h producíase un serio accidente na costa do Carrizal, na AC-552 a altura do Concello de Coristanco. Unha colisión entre un camión e unha furgoneta deixaba a dúas persoas feridas e atrapadas. Os condutores do camión e da furgoneta necesitaron da axuda dos Bombeiros do Eume para poder saír dos seus vehículos. O impacto entre ambos os dous vehículos provocou que o camión, que transportaba madeira, envorcase, o que dificultou a saída do condutor. Unha vez rescatados, ambos os dous condutores foron atendidos e trasladados polos servizos sanitarios de urxencia. De feito, o condutor da furgoneta, de Vimianzo, tivo que ser trasladado en helicóptero. Ás 7:50 horas de hoxe, un particular contactou co 112 Galicia para pedir axuda. A partir de aí, os xestores do Centro de Atención ás Emerxencias activaron un operativo no que participaron os Bombeiros de Carballo, os membros de Protección Civil de Coristanco e a Garda Civil de Tráfico. Tamén foi avisado o servizo de limpeza e mantemento da Consellería do Territorio, pois quedaron algúns restos do accidente na vía.
Accidente no Carrizal-Foto-Yolanda Montserrat

Outro accidente en Dumbría

Ademais, os Bombeiros de Cee, Protección Civil de Dumbría e a Garda Civil tiveron que acudir a unha saída de vía dun vehículo que caera fóra da estrada co quitamedos atravesando a parte traseira do vehículo. Neste, atopábase o copiloto con collarín posto pero sen atrapamento físico. A condutora tivo que ser traslada en ambulancia.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
  • 112.