Pepe do Fieiro, o Neno do Monte Pindo invade a pantalla dos Cines Xunqueira
Con 92 anos, actualmente continúa subindo á Moa 2 veces por semana. Comprobamos como choutaba polas pedras como un rapaz non hai moito, cando fixemos o documental Espazos da Memoria. Porque Pepe segue sendo un neno, un neno de lenda. Ninguén sabe máis do Olimpo Celta ca el, e ninguén o conta como el.
De aí a importancia da peza documental que lle dedican Pepe Formoso, Federico Pérez Rey, Jaime Pérez e Voro Santos. “Pepe do Fieiro, o neno do Monte Pindo” estrearase nos Cines A Xunqueira de Cee o domingo 9 de agosto ás 12.00 do mediodia, con entrada de balde.
Unha maneira de agradecer a José Rodriguez Ramos todo o legado que nos leva deixando, toda a maxia que trasmite con paixón e sabedoría. “Esta peza audiovisual de 35 minutos non pretende ser máis ca un agasallo para Pepe, un recoñecemento ao seu amor e devoción polo monte que o viu nacer e medrar, entre cabras, penedos, castelos e maxia. Porque, se non podemos entender a Pepe do Fieiro sen o Monte Pindo, tampouco podemos entender o Pindo sen Pepe do Fieiro”, explica Pepe Formoso.

