Dumbría abre camiños de Igualdade con accións de sensibilización e divulgación
Comezan as actividades arredor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. O Concello de Dumbría, malia subliñar que a igualdade non se limita a unha data concreta e o compromiso coa igualdade real de homes e mulleres reafírmase durante todo o ano, incorporando a perspectiva de xénero de maneira transversal nas políticas e accións municipais, prepara unha serie de accións ao longo do mes de marzo.
No marco da campaña que leva por lema “Abrindo camiños en igualdade”, lanzarán unha mensaxe que simboliza o avance colectivo cara a unha sociedade máis xusta, libre e igualitaria. Por unha banda, levarase a cabo o reparto de abridores conmemorativos no Concello, unha acción simbólica orientada a reforzar a visibilidade do 8M e a implicación da veciñanza na construción dunha sociedade máis igualitaria.
Este material será elaborado pola asociación Íntegro das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.
As actividades comezan xa o venres 27 de febreiro, coa celebración da xornada Teatralízate, un obradoiro de teatro para mulleres dirixido ás nais e demais mulleres das familias do alumnado do CEIP Plurilingüe Santa Eulalia de Dumbría; unha acción encamiñada á creación dun espazo de sororidade, entretemento e diversión.
Así mesmo, organizaranse as Xornadas “As Mulleres na Antigüidade”, impartidas por Nieves García Centeno, un ciclo de catro sesións divulgativas nas que se abordará o papel das mulleres nas grandes civilizacións do Mediterráneo e no mundo celta.
As sesións celebraranse os días 7, 14, 21 e 28 de marzo ás 11:30 horas nas Instalacións Municipais do Conco (Dumbría). Ao longo das xornadas trataranse cuestións como a independencia xurídica das mulleres no Antigo Exipto, a influencia feminina na Roma Antiga, o contraste entre mito e realidade na Grecia Clásica e o prestixio das mulleres no mundo celta.