mércores. 18.02.2026
El tiempo
Patricia Vaquero
14:35
18/02/26

A arquitectura da impunidade

A arquitectura da impunidade

Hai algo que se repite con demasiada frecuencia e que xa non podemos seguir tratando como excepción: homes con poder utilizando ese poder para explotar, acosar, violentar e someter mulleres. Non é casualidade. Non son casos illados. Non son “erros persoais”. Son a expresión máis crúa dun sistema que leva séculos construíndo privilexios masculinos sobre a desigualdade.

Toda a información coñecida arredor do caso de Jeffrey Epstein confirma unha realidade incómoda: durante anos sostívose unha rede de trata e explotación sexual de mulleres e nenas, violacións, vexacións, pederastia e pornografía. Unha estrutura organizada que non se explica sen a colaboración —activa e silenciosa— doutros homes poderosos: directivos de grandes empresas, membros de casas reais, altos cargos institucionais. Un sistema protexido pola influencia, o diñeiro e o prestixio social. Mesmo o home que dirixe un dos países máis poderosos do mundo foi condenado por abuso sexual. E, con todo, segue exercendo poder.

Isto non vai de monstros illados nin de mentes enfermas. Vai de homes machistas con poder que se saben amparados por estruturas que os protexen. Homes que se cren lexitimados para someter, acosar, intimidar e agredir porque aprenderon que poden facelo. Porque o machismo non é unha desviación individual: é unha estrutura de dominación.

Levamos meses coñecendo novos casos de acoso sexual protagonizados por homes con prestixio social, con cargos de responsabilidade, con autoridade pública. Homes que desde as súas posicións condicionan carreiras profesionais, reputacións, espazos de traballo. Homes que dirixen empresas tecnolóxicas capaces de crear ferramentas de intelixencia artificial que permiten desnudar e humillar mulleres dixitalmente. A tecnoloxía cambia, pero a lóxica é a mesma: control, cosificación e poder.

A violencia machista non é só inflixir dor. É exercer control. É apropiarse do espazo, do tempo e das consecuencias. É entender os corpos das mulleres como obxectos dispoñibles, como algo público, como algo propio sobre o que decidir. E iso sostense desde unha posición de superioridade aprendida e reforzada socialmente.

O machismo mata. O machismo agrede. O machismo acosa. O machismo violenta. E faino, en moitos casos, desde despachos luxosos, consellos de administración, platós de televisión ou tribunas políticas. A impunidade non nace da nada: constrúese arredor do poder.

E aquí hai algo que tamén me preocupa profundamente: como sociedade tendemos a endeusar a quen ostenta poder. Creamos un halo de admiración arredor de empresarios, artistas, líderes políticos ou figuras mediáticas, e moitas veces estamos dispostas e dispostos a xustificar comportamentos intolerables en nome dunha ideoloxía, dun suposto talento ou dun éxito económico. Miramos cara outro lado. Minimízase. Relativízase. Protéxese.

Non sempre sabemos distinguir entre o brillante e o violento, entre o éxito e a opresión. E cando normalizamos esa confusión, estamos contribuíndo a perpetuar as estruturas que permiten a violencia.

Seguimos vendo o poder como algo afastado, superior, intocable. Como se fose alleo á nosa responsabilidade. Pero non o é. Como cidadanía temos máis capacidade da que pensamos para cuestionar, para sinalar, para non consumir, para non aplaudir, para non votar estruturas que sosteñen desigualdade. Temos poder nas nosas decisións diarias, no que apoiamos e no que rexeitamos.

Nun momento tan complexo para os dereitos das mulleres e para a saúde democrática, precisamos máis ca nunca pensamento crítico. Precisamos asumir a nosa responsabilidade individual e colectiva. Volver aos valores de comunidade, de igualdade, de respecto polos dereitos humanos. Entender que cada vez que xustificamos unha agresión, que relativizamos un acoso ou que protexemos un agresor porque “nos convén”, estamos reforzando o sistema que nos oprime.

O poder non é neutro. Ou se exerce para ampliar dereitos, ou se exerce para restrinxilos.


E fronte aos homes ou mulleres que utilizan o poder para dominar, a resposta non pode ser o silencio nin a admiración cega. Ten que ser conciencia, responsabilidade e compromiso coa igualdade.

Porque a democracia real non se sostén sobre a impunidade. 

Sostense sobre a xustiza.

  • Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero.

 

Máis contidos en Todas Nós

 

Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC

Outras novas sobre Patricia Vaquero

Comentarios