Dumbría acolle un curso de Verán da UDC sobre xestión turística intelixente
A Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa CMAT e o Concello de Dumbría, organiza o Curso de Verán organizado pola e titulado «Transformación no Turismo: Oportunidades, Retos e Casos de éxito na Xestión Turística Intelixente».
A sede do curso será a Casa da Cultura e Edificio Bitácora do Ézaro, no Concello de Dumbría. A matrícula está aberta e o prezo será de 50 € para o público xeral e 30 € para estudantes universitarios.
Este curso forma parte das actividades que desenvolve a CMAT para mellorar a competitividade e calidade turística do xeodestino Costa da Morte. É unha boa oportunidade para proporcionar formación que recoñeza as oportunidades e retos da aplicación da intelixencia turística na xestión de destinos.
Neste sentido, desde a CMAT, anímase ao sector turístico da Costa da Morte e de Galicia a inscribirse para poder adquirir coñecementos sobre xestión turística intelixente.
O curso será inaugurado o próximo día 2 de xullo polo presidente da CMAT, Manuel Muíño. Farao xunto ao alcalde de Dumbría, Raúl González e a directora do curso, Iria Caamaño.
Un curso cheo de profesionais do turismo
No transcurso deste curso de dous días haberá mesas redondas, conferencias e obradoiros polos que pasarán diferentes profesionais do turismo. Na mesa redonda da mañá do primeiro día participarán Xosé Regueira, Deputado de Turismo da Deputación da Coruña e Cesáreo Pardal, presidente do Cluster do Turismo de Galicia.
Na da tarde, contarase coa experiencia do Observatorio Turístico do Alentejo, da man de María do Rosário Borges e Joana Lima, da Universidade de Évora; da Mancomunidade do Salnés, co seu xerente, José Ramón García Guinarte e con Ada González Fernández, técnica de turismo do Concello de Dumbría, entre outros e outras profesionais do turismo e da xestión intelixente. Tamén participará Xosé
Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia.
Desde o equipo da CMAT, a través da Secretaría Técnica formada por Catherine García Pernas e Marta Rodríguez Casas, moderaranse estas dúas mesas redondas sobre as oportunidades da intelixencia artificial no sector turístico e a planificación e xestión intelixente.
Podes inscribirte xa nesta ligazón.