Dumbría avanza o seu III Plan de Igualdade 2026-2030

Plan Igualdade Dumbria 2026

O Concello de Dumbría fai público (xa é descargable dende a web municipal e dende aquí) o seu III Plan Estratéxico para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes (2026-2030), un documento clave que define as prioridades e liñas de actuación municipal en materia de igualdade para os vindeiros anos.

O Plan, aprobado por unanimidade en sesión plenaria o 14 de xaneiro, constitúe a folla de ruta do Concello para avanzar cara a unha cidadanía máis xusta, diversa e libre de discriminacións, reforzando o compromiso institucional coa igualdade real entre mulleres e homes.

O documento, elaborado polo equipo técnico do departamento de servizos sociais do Concello, estrutúrase arredor de catro grandes liñas estratéxicas que guiarán a acción municipal, transversalidade, participación, coidados e acción fronte o machismo:

  • Integración da igualdade en todas as políticas, mediante a incorporación da perspectiva de xénero no conxunto da acción municipal, a formación do persoal municipal e unha comunicación institucional inclusiva.
  • Impulso da participación e das oportunidades, fomentando o apoderamento das mulleres, a súa presenza en todos os ámbitos e o seu acceso ao emprego e ao liderado.
  • Reforzo dos coidados e da corresponsabilidade, mediante o recoñecemento do valor social dos coidados, o apoio ás persoas coidadoras e a promoción de servizos de conciliación.
  • Acción fronte á violencia machista, mediante accións de sensibilización, prevención e atención ás vítimas.

O III Plan de Igualdade consolida o traballo desenvolvido en etapas anteriores e aposta por integrar a igualdade de maneira transversal en todas as políticas municipais, implicando tanto á administración como ao conxunto da cidadanía.
Trátase dun plan aberto, participativo e flexible, que incorpora mecanismos de seguimento e avaliación para garantir a súa eficacia e adaptación ás necesidades reais do municipio.

Así, o Concello fai un chamamento á implicación de toda a veciñanza neste proxecto común.
 

Artigos relacionados