Vimianzo impulsa a segunda edición de “Alza Voz de Muller”
Tralo estupendo éxito de participación e incidencia da primeira edición, o Concello de Vimianzo aposta pola continuidade do Foro de Liderado Feminino no rural, “Alza Voz de Muller”. Un encontro de referencia para mulleres profesionais e emprendedoras do rural (o ano pasado foron máis de 100 as que chegaron da comarca e doutras partes de Galicia) que celebrará a súa segunda edición os vindeiros 8 e 9 de maio en Vimianzo.
O evento consolídase como un espazo de reflexión, aprendizaxe e conexión arredor dos retos que afrontan as mulleres no ámbito laboral e emprendedor, sempre desde unha perspectiva de xénero. “Alza Voz de Muller” ten o claro obxectivo de visibilizar o talento feminino no rural, xerar referentes e tecer redes de apoio e colaboración entre mulleres, abordando cuestións clave como o liderado, o acceso a oportunidades, a independencia económica ou os condicionantes estruturais que seguen a impactar nas traxectorias profesionais das mulleres.
O programa incluirá relatorios, mesas de diálogo e espazos de networking, coa participación de mulleres referentes en distintos ámbitos, configurando un espazo de inspiración, aprendizaxe e acción colectiva.
A presentación oficicial de Alza Voz de Muller, terá lugar o venres 10 de abril na Casa da Cultura do Concello de Vimianzo.
Este proxecto está cofinanciado pola Deputación da Coruña.
As inscricións para participar no evento xa están abertas a través da páxina web oficial: www.alzavozdemuller.com.
Artigos relacionados
- Patricia Vaquero: Se todo empodera, nada empodera
Así foi o ano pasado:

