Dumbría suma un novo deporte á súa aposta polas probas de alto nivel: o mushing

Presentacion I Copa España Mushing Concello Dumbría

Desde o Concello de Dumbría tráennos á Costa da Morte unha nova disciplina deportiva: o mushing. E fano cunha proba puntuable para a Copa de España de Mushing Terra.

Presentouse nas instalacións deportivas do Conco un novo evento deportivo de carácter nacional organizado polo Concello de Dumbría e o Club Alejandro Gómez.
Trátase dunha proba de mushing, un deporte único que combina natureza, paixón polos animais e esforzo humano. É un deporte de equipo, onde o binomio can-humano traballa coma un único compoñente nun entorno natural e co máximo respecto aos animais.
Chega a Dumbría como parte da aposta que este Concello leva facendo ao longo de moitos anos pola diversificación da oferta deportiva na Costa da Morte.Este I Copa de España Mushing Concello de Dumbría levarase a cabo os días 9 e 10 de decembro de 2023, en horario de mañá, nos montes da parroquia dumbriesa de Buxantes.

As persoas que desexen achegarse para ver a proba e gozar deste espectáculo, que traerá a Dumbría a máis de 200 deportistas chegados de toda España, deberán madrugar, xa que
as competicións comezarán ás 8:30 h da mañá debido a que os cans, os protagonistas deste deporte, deben correr con temperaturas inferiores aos 16ºC.

Modalidades

Será unha proba na que se poderá desfrutar de todas as disciplinas encadradas no mushing terra.

  • Modalidade Dr8, Dr6, Dr4 (modalidade na que o deportista vai unido cun vehículo con tiros de 8, 6, e 4 cans)
  • Seguido do Bikejoring (o deportista vai en bicicleta unido cunha liña de tiro con 1 can)
  • Ds2 (o deportista vai en patín cunha liña dobre unida con 2 cans)
  • Ds1 (o deportista vai unido cunha liña de tiro con 1 can)
  • Canicross (onde o deportista vai cun cinto e liña de tiro co seu can)