Volven ás praias de Costa da Morte as Espeteiras comunais, fomentando tempos para compartir
Este verán volven as Espeteiras Comunais ás praias de Ézaro, Estorde, Quenxe e Sardiñeiro, desta volta, desde o compromiso e a colaboración conxunta entre a coopetativa cultural Azul mais Verde, a Asociación de familias con persoas con discapacidade ASPADEX e os Concellos de Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra.
A súa inauguración terá lugar os días 26 de xuño ás 11,30h e 12,30h nas praias de Ézaro e Quenxe respectivamente e, o día 30 ás mesmas horas en Estorde e Sardiñeiro. As espeteiras estarán dispoñibles nas praias durante os meses de xullo e agosto.
A cooperativa, que desenvolve proxectos de transformación social a través da cultura e que se deu a coñecer no territorio con Terra Creativa -proxecto de acción cultural no Monte Cambeiro de Corcubión-, fai converxer neste proxecto varios dos seus intereses e sensibilidades: a recuperación da memoria, a posta en valor da tradición, a conciencia medioambiental e a inclusión social.
Espeteiras Comunais tivo o seu inicio no verán do 2025 grazas ao premio do Primeiro Certame de Proxectos Singualares da Deputación da Coruña. A súa continuidade no 2026 sucede grazas ao compromiso entre Azul mais Verde, ASPADEX e os catro Concellos que siguen apostando polo proxecto.
Que é unha espeteira
A espeteira é un moble típico das cociñas do rural galego -especialmente nas zonas de Ourense e Pontevedra-: un armario sen portas, feito por carpinteiros, onde se gardaban os utensilios da cociña. Co proxecto, este moble tradicional é reimaxinado e adaptado ao espazo público para convertilo nun moble comunal do que penduran obxectos de xogo para o uso colectivo nas praias.
As espeteiras foron deseñadas e realizadas por Frank Buschmann, ebanista socio da cooperativa xunto a María Bella. Están construídas en madeira de piñeiro do país e tintadas seguindo receitas tradicionais, a base de fariña, óxidos, linaza, cola de coello e xabón. Ao final do pasado verán o moble ofreciuse baixo un acordo de cesión entre a cooperativa e os concellos e así puido ser amadriñado por catro dos concellos colaboradores no proxecto; retirado e custodiado por eles co compromiso de volvela a instalar nas praias durante os veráns.
Xogo comunitario con alma inclusiva
Das espeteiras penduran raños, pas, palas, pelotas e sellas -moitos deles inspirados en ferramentas ou obxectos tradicionais galegos-. Todos están feitos con materiais naturais e biodegradables, e da súa elaboración volven encargarse conxuntamente Frank Buschmann e un grupo de persoas con discapacidade intelectual vinculadas á Asociación ASPADEX. Así, estas persoas convértense tamén en comuneiras activas do proxecto.
“Atención! Estes utensilios son de uso comunal, como o foron os montes en Galicia durante moito tempo. Iso significa que son de todas e de ninguén. Ao rematar de xogar, lembra deixalos de novo na espeteira. Usa, coida e devolve: ese é o trato.”
Obradoiros e acción cultural
Para afondar no sentido do proxecto e conectar coa rapazada, desde Azul mais Verde e ASPADEX organizarán obradoiros a través dos programas de lecer dos concellos colaboradores. A iniciativa busca recuperar valores de coidado colectivo e prácticas comunitarias, relacionarse coas estéticas e materiais do pasado, e promover unha conciencia ecolóxica e social.
Trátase de practicar pequenas utopías: demostrar que, mesmo nun tempo de distopías, podemos crear espazos de xogo, respecto e comunidade.
Toda a información do proxecto estará dispoñible na web de Azul mais Verde.