As espeteiras comunais chegan este verán a cinco areais

A cooperativa cultural Azul mais Verde, con sede en Carnota, vén de poñer en marcha en cinco areias da Costa da Morte un novo proxecto de transformación social: as espeteiras comuniais.
Para a posta en marcha deste proxecto, que vén de ser premiado no I Certame do Fondo de apoio a proxectos singulares para a mellora social 2025 da Deputación da Coruña, contaron coa colaboración da asociación Aspadex e con esta iniciativa preténdese converxer intereses e sensibilidades que están no centro do seu enfoque: a recuperación da memoria, a posta en valor da tradición, a conciencia medioambiental e a inclusión social.
Un moble tradicional transformado en espazo común
A espeteira é un moble típico das cociñas do rural galego —especialmente nas zonas de Ourense e Pontevedra—: un armario sen portas, feito por carpinteiros, onde se gardaban os utensilios da cociña. Co proxecto "Espeteiras comunais na area", este moble tradicional é reimaginado e adaptado ao espazo público; agora penduran nelas obxectos de xogo para o uso colectivo nas praias.
As espeteiras foron deseñadas e realizadas por Frank Buschmann, ebanista e integrante da cooperativa xunto a María Bella. Están construídas en madeira de piñeiro do país e tintadas seguindo receitas tradicionais, a base de fariña, óxidos, linaza, cola de coello e xabón.
Das espeteiras penduran raños, pas, palas, pelotas e sellas, moitos deles inspirados en ferramentas ou obxectos tradicionais galegos. Todos están feitos con materiais naturais e biodegradables, e foron elaborados a través dun proceso de co- produción no que participaron dezaoito persoas con discapacidade intelectual vinculadas á Asociación ASPADEX. Así, estas persoas convértense tamén en comuneiras activas do proxecto.

Cada unha das cinco espeteiras, cargadas con máis de trinta obxectos de xogo, está situada nunha praia distinta: Boca do Río, Ézaro, Quenxe, Estorde e Sardiñeiro. A súa estética é recoñecible: madeira de cor roxo óxido cun galo veleta no alto. Un panel informativo explica o proxecto e as normas de uso: “Atención! Estes utensilios son de uso comunal, como o foron os montes en Galicia durante moito tempo. Iso significa que son de todas e de ninguén. Ao rematar de xogar, lembra deixalos de novo na espeteira. Usa, coida e devolve: ese é o trato.”
Para afondar no sentido do proxecto e conectar coa rapazada, desde Azul mais Verde e ASPADEX organizaranse obradoiros a través dos programas de lecer dos concellos colaboradores. A iniciativa busca recuperar valores de coidado colectivo e prácticas comunitarias, relacionarse coas estéticas e materiais do pasado, e promover unha conciencia ecolóxica e social. Trátase de practicar pequenas utopías: demostrar que, mesmo nun tempo de distopías, podemos crear espazos de xogo, respecto e comunidade.
Este proxecto é posible grazas á colaboración coa Asociación ASPADEX, o apoio dos concellos receptores da iniciativa, e da Deputación da Coruña, dentro da súa liña de traballo A cultura é un dereito.