Toda a bisbarra coñece a súa fermosa voz e en QPC tamén contamos cos comentarios que nos achega a través do seu O Soliloquio. Pois ben, a dumbriesa Susana Alvite vén de participar nunha iniciativa da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) celebrada en El Salvador, baixo o nome de Comunicación para o Desenvolvemento no exterior.
A actuación enmarcouse nun proxecto a prol da sensibilización medioambiental e a pesca artesanal na rexión do Bajo Lempa a través de talleres de radio. O proxecto contou coa xestión da Asemblea de Cooperación Pola Paz e o financiamento da Xunta, implementado en terreo pola ONG local Cordes.
Susana Alvite estivo acompañada por Carmen Novas, tamén xornalista e natural do municipio pontevedrés de Bueu. Ámbalas dúas integraron o equipo desprazado, que estivo apoiado en todo momento pola Asociación desde Galicia. En El Salvador visitaron sete escolas para impartir outros tantos obradoiros de radio a máis dun cento de escolares, obradoiros que culminaron coa gravación de cadanseu programa titulado Así suena el Lempa.
As pezas radiofónicas centráronse en temas como o cambio climático, a deforestación, a auga, o lixo ou os factores que amezan a especies daquela zona, como a tartaruga mariña e o cangrexo punche. Para maior difusión dos programas, as xornalistas contactaron con varias emisoras comunitarias da zona para contribuir á difusión dos mesmos.
Pronto poderemos escoitar os programas na radio por internet da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios. Pero polo de agora podemos ir ollando as experiencias de Susana e Carmen no blog creado por Agareso para a ocasión.