O Concello de Fisterra prepara coa Xunta as accións culturais do Xacobeo 2027

O alcalde de Fisterra Luis Insua e a Concelleira Susana Rodríguez Nemiña co Conselleiro de Cultura Lopez Campos

O alcalde de Fisterra, Luís Insua, acompañado da Concelleira de Cultura, Susana Rodríguez Nemiña, visitaron esta mañá de venres ao Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para abordar posibles en materia de programación cultural de cara ao verán e tamén para ir adiantando e preparando a do Xacobeo 2027, tendo en conta o vencello estreito deste municipio da Costa da Morte co Camiño de Santiago. 

Os representantes municipais interesáronse nos plans e programas aos se poden adherir para preparar a dinamización da importante data xacobea. 

Patrimonio

Ademais, o representante de Cultura do Goberno galego tirou proveito deste encontro co rexedor de Fisterra para analizar as modificacións previstas na Lei de acompañamento dos Orzamentos para a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, que permitirán reducir os tempos de espera, tanto por parte da cidadanía como das institucións, co obxectivo de que o coidado do patrimonio non supoña un impedimento para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais.

O Concello ten, nese sentido varios proxectos presentados para a recuperación de fontes lavadoiros ou a restauración da Capela do Bo Suceso, e a xuntanza serviu para analizar o seu estado.

Neste senso, cómpre subliñar que, na actualidade,  a Xunta de Galicia é a única administración autonómica que informa dos bens de todo o territorio con independencia de cal sexa o seu grado de protección, o que supón a xestión cada ano de 30.000 expedientes cun prazo de resolución aproximado de entre seis e 12 meses.