Fisterra proponse ordear as visitas ao Cabo

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo un encontro co alcalde Fisterra, Luís Insua.

Un debe ten o Concello de Fisterra dende hai décadas: a ordenación do cabo Fisterra en temporada alta.

Calquera fin de semana de agosto o lugar alónxase moito de ser un lugar idílico. Ateigado con centos de turistas nos seus vehículos, preto de 300 autocaravanas pernoctando, ducias de excursións en autobús, centos de peregrinos chegando a pé ata o final do seu longo Camiño e ducias de camiñantes acabando o Camiño dos Faros... o Cabo perde a súa maxia, a súa esencia.

Foron varios os gobernos que pasaron dende que o Camiño de Fisterra-Muxía é tan importante a nivel turístico, pero ningún se atreveu a tomar medidas tan evidentes como habilitar varios aparcamentos nos arredores da Igrexa de Santa María das Areas, e enviar aos visitantes a pé ou en bus turístico, que suba e baixe ata o Faro.

O novo goberno do PP está formulando ideas para afrontar un verán menos axitado, e para iso, en colaboración con Turismo de Galicia xa puoxeron en marcha un sistema de monitorización a ruta a través de sensores que miden o fluxo de peregrinos desde a capital de Galicia ata algún destes dous puntos da costa coruñesa. Unha medida que, indicaron, está a favorecer a planificación do destino.

Repasaron, ademais, entre outros asuntos como os estudos encargados para ordenar as visitas a recursos como o Faro de Fisterra, que pode chegar a ser un impulso para afianzalo como un dos puntos máis singulares do país.

Ademais, Merelles e Insua valoraron a oportunidade de que Fisterra sexa punto final de dúas grandes rutas ciclistas europeas: Eurovelo 1 e Eurovelo 3, das que a Xunta vén de rematar a súa sinalización.