Sábado. 27.04.2024
El tiempo

278 autocaravanas pasando a noite en Fisterra: A necesidade dunha ordenanza para resolver unha situación "insostible"

Autocaravanas no Faro Fisterra agosto 2023 noite
Así estaba o Faro Fisterra na noite do luns 14 de agosto
278 autocaravanas pasando a noite en Fisterra: A necesidade dunha ordenanza para resolver unha situación "insostible"

Segue a Costa da Morte dando as costas a un asunto que hai que afrontar si ou si. O turismo de autocaravanas é unha realidade xa dende hai máis dunha década, pero os concellos seguen lanzando balóns fóra, facendo caso omiso das recomendacións de especialistas como David Abelenda, e apenas nos últimos anos se teñen estreado novas áreas en Vimianzo, Corme, Camariñas ou Mazaricos.

Porén, lugares como Corcubión, Carnota, Nemiña, O Ézaro, Soesto… son tomados durante os meses de verán por centos de casitas rodantes.

O caso de Fisterra pode ser un dos máis paradigmáticos. Unha situación que se repite dende hai anos, de feito, en 2015 o BNG xa presentara unha moción para aprobar unha ordenanza pero quedara no caixón tralo rexeitamento de PP e PSOE.
Pasaron os anos e apenas se ten actuado con iniciativas privadas, pero dende o consistorio nada se ten feito para ordenar a estancia das autocaravanas. E a problemática medra e medra, como o demostra a cifra contabilizada polo tenente de alcalde, Kuka Sar, na pasada noite do luns 14 ao martes 15 de agosto: 278 autocaravanas pasaron a noite nalgún punto da vila:
98 no Faro, 7 na Igrexa, 4 no Castelo San Carlos, 5 no peirao, 18 en Cabanas, 6 no Porto na zona Casa do Mar, 4 na estrada ao faro antes da Igrexa, 14 en San Roque, 1 no Instituto, 5 en Mar de Fóra, 8 no aparcamento Langosteira Muíños Vellos, 3 na Anchoa, 12 na Langosteira no aparcamento do Trebón, 11 na Langosteira, no aparcamento frente a Talleres Sambade, 2 no Mirador de Talón, 4 en Sardiñeiro xunto o parque infantil, 26 na Praia de Rostro na Zona norte, 3 en Camiño forestal de Rostro, e 47 no Rostro na zona sur…

Autocaravanas en Fisterra
Autocaravanas en distintos puntos de Fisterra

Necesidade dunha ordenanza

O BNG de Fisterra vén de presentar un borrador de Ordenanza pra regular a presión das autocaravanas dentro do Concello. Sar considera que “a situación a que se está chegando resulta totalmente insostible, causa un prexuizo ambiental moi negativo, supón unha caótica ordenación de espazos de aparcamentos e da circulación, e incluso un custe pras arcas municipais”.
”Dende o BNG entendemos que resulta preciso poñer orden a este modelo de turismo e que redunde tamén na economía local.Facendo fincapé que a maioría chega o Concello, van a áreas determinadas, e marchan sen prácticamente facer gasto. Trátase de regular a capacidade que Fisterra pode albergar dun modo razoable, ademais de ofrecerlle posibilidade de servizos locais. Estamos encantados de que veñan, o que non pode ser é que ocupen espazos protexidos (O Rostro, Mar de Fóra ...) ou acampen durante días”, explica Sar, que considera o sucedido esta semana como de “desbordamento total”, con máis de 300 caravanas.

Así, o grupo pide colaboración ao resto de grupos municipais para aprobar unha ordenanza conxuntamente que solvente este “grave problema ambiental e de presión turística”.

Autocaravanas no Faro Fisterra agosto 2023
Autocaravanas no Faro Fisterra

Máis novas sobre Autocaravanas

Comentarios