O incendio da Nave, ao segundo intento, arrasou case 25 hectáreas
Xa o intentaron o venres, pero a rápida intervención dos medios de extinción permitiu sufocalo pronto. Este sábado, de novo á tarde, volvían prenderlle lume ao monte da Nave (parroquia de San Martiño de Duio), na banda atlántica de Fisterra. Non había moito vento pasadas as 18:30h cando comezaba o incendio pero as lapas conseguían espallarse rapidamente.
Para a súa extinción mobilizáronse 10 axentes, 12 brigadas e 11 motobombas, quedando controlado ás 10:30h da mañá dominical e extinguido pasadas ás 19:00h, tras arrasar 24,53 hectáreas de monte raso.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.