Modesto Fraga celebra 20 anos de poesía co seu novo libro Devalar sen pel

Mondoñedo, Vilalba, Carral… Alá onde vai, arrasa. O poeta fisterrán Modesto Fraga gañaba o ano pasado o XIX Concurso de Poesía Concello de Carral, competindo con outros 54 poemarios. Saben que os premios destes certames adoitan ser a publicación do traballo, e así, o seu novo libro sairá do forno e será presentado este vindeiro 26 de maio, no marco dos actos das Letras Galegas. Desta volta, Modesto recibiu ademais 2.500€. O libro de poemas do fisterrán Devalar sen pel está editado por Espiral Maior e conta cunha ilustración de Viki Rivadulla na portada. O xurado recoñecera que Devalar sen pel «xoga coas tradicións, tensionando moi ben o texto e sabendo darlle aire nos momentos oportunos». Con este libro cúmprense 20 anos da publicación do primeiro poemario do fisterán, "Do amor salgado" (1997), o que supón unha fermosa representación da xa longa carreira deste novo poeta do Batallón Literario da Costa da Morte. Este 2016, o XX Certame de Poesía Concello de Carral recaeu sen Xosé Luís Mosquera Camba. Un premio que ten marcado acento costeiro xa o gañaran o camariñán Rafael Lema, con “Atlántida”, e os ceenses Rafa Villar, con “Días de Sherezade”, e Miro Villar con “As crebas”.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).