O BNG de Fisterra critica a política cultural do Concello

Critica hoxe o BNG de Fisterra "a falta de planificación e iniciativa do Concello con respecto ás festas e actos culturais e lúdicos". Aseguran que "xa no último pleno denunciamos o fracaso do Mercado Medieval Mariñeiro, por ser feito de costas á veciñanza e á hostelería da vila". Falamos en todo caso dunha cita artellada polos GACs.

Vai máis aló dende a oposición, e consideran un "sinsentido" a celebración do I Mercado Medieval Peregrino nesta vindeira última fin de semana de xullo, "cando é tradicional en Fisterra celebrar a "Festa da Praia", que vai ser organizada polo clube de fútbol da localidade para axudarse na súa financiación".

Neas liña, consideran que "o Concello si que debería implicarse de cheo así como en todas as festas con historia de Fisterra (Festa do Longueirón, Festa Folk, Entroido, así como nas festas patronais). Desde o BNG pensamos que o Concello debería mellorar e promocionar as existentes, que cremos, non pasan polo seu mellor momento; e no caso de querer ampliar a oferta, facelo con xeito e non limitándose a colaborar/autorizar a unha empresa privada, a organización dunha festa que non ten nada de orixinal nen innovador".

E paralelamente, o BNG mete un toque de atención lingüístico ao Concello. "Cremos tamén, que o Concello, que conta cun Servizo de Normalización Lingüística, non debe descoidar e desprezar o uso da nosa lingua, e denunciaremos este feito no vindeiro pleno municipal, xa que vimos comprobando que esta situación se vén producindo con moita frecuencia, na publicidade e documentación do Concello".

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do BNG de Fisterra.