Viktória Szabó, a artista húngara que a atopou en Fisterra un lugar para escoitarse a si mesma

Viktória Szabó cunha das súas creacións na fin da terra
  • A ceramista lanza un programa de Talleres de cerámica e "rakú"

Fisterra é un verdadeiro polo de atracción de arte e de artistas. Un dos numerosos exemplos é Viktória Szabó. A artista húngara, vinculada á marca Artesanía de Galicia, ceramista e profesora de arte (con case 50.000 siareiros no seu IG @viktoria.szabo.artist), está afincada na vila do Cristo desde 2017. Viktória chegou como peregrina tras realizar o Camiño de Santiago, como outras moitas persoas do seu país nos últimos 20 anos, sen que se conseguise formar unha comunidade organizada.

I é que “en Hungría, o Camiño ten moita forza e significado: para moitas persoas é unha experiencia vital moi profunda, un punto de cambio”, explícanos. “Ao chegar a Finisterre, algunhas senten que aquí remata algo, pero ao mesmo tempo comeza outra etapa”, relata dende a súa propia experiencia.

O que ía ser unha estancia temporal converteuse na súa vida: “aquí atopei unha forma de vivir máis tranquila e o lugar onde volveu conectar profundamente coa cerámica”. “Fisterra ten a combinación dunha natureza moi potente —o mar, as praias, a montaña, a luz— cun ritmo de vida máis lento e máis humano. Para moitas persoas que chegan camiñando, despois de semanas de reflexión, este lugar convértese nun espazo de silencio interior e de verdade. Aquí é máis fácil escoitarse a unha mesma”, cóntanos.

Preguntada sobre a integración das personalidades culturais na vila, explica que “a xente local pode parecer reservada ao principio, pero cando se abre é xenerosa e directa”.

Formada en cerámica e artes plásticas en Hungría, Viktória traballa tanto a cerámica como a pintura, cunha forte conexión coa natureza, o proceso creativo e o traballo feito a man.

Talleres

A partir de febreiro, Viktória abre o seu obradoiro de cerámica en Fisterra, ofrecendo obradoiros pensados tanto para persoas que se achegan por primeira vez á cerámica como para quen xa ten experiencia previa. Os grupos son moi reducidos (máx. 4 persoas) para poder acompañar cada proceso con calma, atención e coidado.

Este pasado domingo comezou o seu Taller Mensual de inmersión no mundo da cerámica e da técnica “raku”, que continuará os domingos de febreiro, cun grupo máximo de 4 persoas.
Ademais, este sábado 7 de febreiro arrinca a primeira sesión do Taller Intensivo de introdución á cerámica e á técnica “raku”. O taller terá continuidade o 21 de febreiro, con dúas sesións de 8 horas presenciais cun grupo máximo de 4 persoas.

Nos talleres aprenderán técnicas manuais para facer pezas sinxelas e guiadas, aprendendo a moldear a arcilla, e completando o proceso cerámico. “A idea é entender a cerámica desde dentro, con tempo, presenza e coidado”, explica.